A alcaldesa de Barreiros esixe a cobertura do pediatra no centro de saúde

O goberno municipal de Barreiros tivo coñecemento de que o Sergas non ten previsto cubrir as vacacións da pediatra que presta os servizos no centro de saúde de Barreiros; polo que a alcaldesa dirixiu unha misiva ao conselleiro de sanidade, ao xerente do Sergas e ao xerente da EOXI de Lugo, Monforte e Cervo solicitándolles a cobertura de dito posto durante o mes de agosto.

A mandataria municipal expón que “o concello de Barreiros, aínda que en censo poboacional non supera os 3.000 habitantes, ten unha poboación flotante moi abundante e, durante o mes de agosto, as persoas que habitan neste concello poden rondar as 10.000. Trasladados estes datos á poboación menor de 14 anos e, polo tanto, susceptible de ser atendida por persoal pediátrico; temos que nos atopamos no mes de agosto con máis de medio cento  persoas sen atención pediátrica no centro de saúde do noso concello.”

Para Ana Ermida “é obvio que a falta de persoal durante un mes interfire moi negativamente no control que poida existir, especialmente en recén nados, pola importancia do seguimento en escasos días que debe realizarse. Pero, a maiores, debemos ter en conta que esta situación afecta tamén ás consultas eventuais por enfermidades comúns que poidan ter lugar; interferindo moi negativamente noutros servizos e lugares que, xa de por si, carecen dunha atención pediátrica axeitada; tal como poden ser o PAC de Ribadeo ou o propio servizo do Hospital da Mariña; onde non existe, de inicio, persoal pediátrico dispoñible.”

A situación non afecta só a Barreiros, xa que a falta de persoal  é a mesma tamén cos centros de saúde de Lourenzá e Mondoñedo, onde a profesional comparte servizo co concello barreirense; polo que a poboación afectada é moi superior á mencionada.

O goberno municipal considera que “a decisión de non cubrir temporalmente o período vacacional desta profesional crea unha situación de desatención nas nenas e nenos e contribúe moi substancialmente á saturación doutros servizos e, polo tanto, provoca un mal funcionamento do Servizo Galego de Saúde.”

Por esta razón, o goberno municipal “solicitámoslle a reconsideración da decisión de non dotar de pediatra ao Centro de Saúde de Barreiros durante o período de vacacións da persoa titular e, en concreto, solicitamos a cobertura desta praza durante o mes de agosto; en aras de manter un funcionamento do Servizo Galego de Saúde dentro duns parámetros mínimos de calidade e cantidade.”

Etiquetas