Cervo avanza no plan de protección do castro da Atalaia e prevé pór en valor a sauna castrexa

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, clarexou, trala charla sobre a sauna castrexa celebrada o martes ao anoitecer no concello, que “desde o Concello estamos en contacto continuo coa Dirección Xeral de Patrimonio, e con diferentes asociacións, como Mariña Patrimonio, así como cos arqueólogos para poñer en valor toda esta zona da Atalaia que é unha xoia patrimonial”.

O obxectivo é tratar de conxugar a vida dos veciños co valor histórico destes achádegos, salvagardando sempre o dereito da xente que vive nesta zona á hora de ter acceso aos servizos dos que desfrutan todos os cervenses, polo que buscamos a compatibilidade de conservar o Castro co curso normal do seu día a día, que non interfira no seu día a día, segundo afirma o munícipe.

Neste senso, Cervo encargou un Plan Especial de Protección do Castro da Atalaia, que xa foi sometido á avaliación ambiental; nestes intres están pendentes dos informes pertinentes para a súa aprobación.

A través deste documento delimítase toda a zona afectada polo xacemento (20.000 m2), regúlase a execución das actuacións de recuperación, rehabilitación ou mellora da superficie a preservar; e fíxanse as normas xerais de urbanización e infraestruturas neste ámbito protexido, entre outros aspectos.

O rexedor, na súa intervención recordou que desde o Concello se están a dar os pasos necesarios para preservar toda esta zona, que pasan por derruír o esquelete da Atalaia e o edificio deshabitado que está ao carón.

Neste senso, recordou que está no proceso para declarar en ruína este edificio, e que xa ordeou a demolición do esqueleto ubicado na Rúa do Faro, de San Cibrao, na zona da Atalaia, agora haberá que esperar o prazos que fixa a Lei para resolver o expediente “pero estamos a dar pasos en firme e seguimos traballando para logar o noso obxectivo, que non é outro que o de recuperar toda esa zona e devolvela ao seu estado orixinal, poñendo en valor o Castro da Atalaia”, que foi inventariado por Patrimonio no ano 2007.

Villares precisou que a intención é que nun futuro tan só se permita o tráfico rodado nesta rúa do Faro aos residentes.

Etiquetas