Foz enche agosto coa feira do libro e o festival de música Bal y Gay

Ás sete da tarde do xoves 22 arrinca na Praza Conde de Fontao de Foz a Feira do Libro coa actuación do grupo folclórico O Feitizo, que por certo, ofrecerá un espectáculo de música batuka, na praia da Rapadoira ás 21 horas do mércores 21 de agosto. A feira prolongarase todas as tardes e noites, no mesmo lugar, ata o domingo 25, xornada na que se clausurará cun concerto.

Ademais, os focenses desfrutarán da sexta edición do festival de música Bal y Gay, adicado ao compositor e músico lucense, que comezará o sábado 24, ás 21:00 horas, na igrexa de Santiago de Foz cun concerto gratuíto de música inglesa do século XVII a cargo de El Afecto Ilustrado.

Ese mesmo día, haberá máis música, explanada da praia da Rapadoira, pero da man do décimo aniversario do Mar Aberto, co concerto a cargo de Mar Aberto e de Sons de Celeiro que se trasladará á sala Bahía en caso de que chova. O domingo, ás 20 horas, na praza do Conde de Fontao, continuará co festival Noelia Rodiles, que interpretará ao piano obras de Mendelssohn, Schuman, Rueda e del Puerto, cun concerto gratuíto, que será de pago, de dous euros, o luns 26, as 18.30 horas, na devandita sala a cargo da pianista que ofrecerá un recital didáctico.

De feito, ela impartirá un curso de piano, o 26 e 27 de agosto, cuxo prazo de inscrición comezou en xullo e rematará ao 10 de agosto. As prazas son limitadas. Para máis información convén contactar coa Asociación Musical Xesús Bal y Gay e a súa directora, Alba Rodríguez Pérez, no teléfono, 982 136 132.

O festival continúa o martes 27, ás 20.30 horas, na sala Bahía coa formación Ensemble Bal y Gay que interpretará obras de Beethoven e Mozart, cunha entrada de seis euros. O mércores, ás 20.30, na casa da cultura, haberá unha conferencia-concerto sobre Leonard Bernstein, con Luis Cámara, ao clarinete e Enrique Rodríguez, como conferenciante e a entrada será de balde. O xoves 29, ás 20:30 horas, remata a cita musical na Basílica de San Martiño co Cuarteto Casals que tocará obras de Haydn, Mozart y Shostakóvich, cun prezo de entrada de seis euros.

Etiquetas