Trabada e Ourol reciben da Deputación fondos para amañar estradas

A Xunta de Goberno da Deputación Provincial de Lugo deu luz verde ao último trámite administrativo para o inicio de obras de rehabilitación do firme de 6 estradas provinciais en Cervantes, Trabada, O Saviñao e Sarria cun orzamento de 638.000€. Ademais, Ourol tamén se beneficia doutras axudas. E sobre os centros ás persoas maiores, a institución convocará un proceso selectivo de persoal para a creación dunha lista de profesionais ATS para a súa incorporación cando sexa precisa.

A Xunta de Goberno aprobou tamén a adxudicación do subministro de 12 vehículos para o Parque Móbil: 9 turismos e 3 todo camiño, que estarán destinados principalmente aos traballos relacionados coa vixilancia e mantemento da rede viaria provincial. A Deputación, segundo explicou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, continúa deste xeito coa renovación da flota substituíndo os vehículos obsoletos (con máis de 10 anos), cun elevado número de quilómetros (máis de 300.000) e de baixo rendemento co fin de ofrecer “un servizo máis eficiente e de calidade á cidadanía a través dun dos máis importantes instrumentos de cooperación cos concellos como é o Parque Móbil”. 

A empresa adxudicataria deste contrato é Eupraxia IT Services S.L. e o importe que pagará a Deputación achégase aos 181.800€. O prezo íntegro dos vehículos é de 200.700€, pero a empresa aboará preto de 19.000€ á entidade provincial pola entrega dos 12 vehículos usados. A adquisición destes novos coches súmase aos 5 xa incorporados este ano, neste caso eléctricos.

Despois de adxudicar na Xunta de Goberno da semana pasada practicamente a metade dos 24 lotes nos que está dividido o contrato do servizo de desbroce das estradas provinciais, hoxe avanzouse no proceso coa adxudicación do lote correspondente á rede viaria dos municipios do Incio, Triacastela e Samos. A empresa que acometerá os traballos é Excavaciones Goni SL e o importe ascende a 71.123,69€ polas dúas anualidades de vigor do contrato (2019 e 2020). 

Así, a día de hoxe, quedan tres lotes por adxudicar: Mondoñedo e Abadín porque falta concluír o proceso de contratación; e Negueira de Muñiz e Navia de Suarna, e Bóveda, A Pobra do Brollón e Monforte de Lemos, por renuncia da adxudicataria, o que alonga o procedemento.

TRABADA. En relación tamén coa área de Xestión Territorial, que dirixe directamente o Presidente, José Tomé, aprobáronse os plans de seguridade e saúde no traballo para a execución de obras de rehabilitación do firme de 6 estradas nos concellos de Cervantes, Trabada, O Saviñao e Sarria, proxectos cun orzamento total de 638.000€. Este é o último trámite administrativo previo ao inicio dos traballos. En concreto, as obras acometeranse na seguinte estrada da Mariña: LU P 5506 Augaxosa – Trabada (qms. 4,220-7,220). Trabada.

A Xunta de Goberno acordou así mesmo licitar o preceptivo servizo de control de calidade das obras e servizos da Deputación para este ano e o seguinte, cun orzamento base de licitación total de 234.000€. O contrato divídese en tres lotes: Unidade de Proxectos, Vías e Obras e Parque Móbil.

PLAN ÚNICO. A Xunta de Goberno deu o visto bo á solicitude dos concellos de Baleira, Friol, Ourol e Xermade de destinar a novas obras os remanentes resultantes tras adxudicar as actuacións que financiaron con cargo ao Plan Único 2018. As bases deste programa de investimentos xa contemplan que as baixas obtidas nas licitacións serán investidas por cada concello na mesma finalidade, sempre que non supoña modificación orzamentaria e previa proposta do Concello. O importe total dos remanentes dos tres concellos suma 90.000€, que Ourol, por exemplo, destinará ás seguintes obras de construción de badéns reductores de velocidade en Merille e reparación  e mantemento de accesos en Burgás, Cernado, Ourol e Pousadoiro-Folgoso, cun total de 54.262€.

Procedeuse tamén ao nomeamento de José Luis Lolo Celeiro, presidente de COGAMI, como representante da Deputación na Fundación Galicia Obra Social.

 

Etiquetas