Unha aplicación creada na USC axudará a monitorizar a distribución de velutinas

Na procura de predicir o patrón de expansión que pode chegar a ter a avespa asiática, un equipo da USC desenvolveu a plataforma automatizada ‘VeluMap’ para a predición da distribución, tanto espacial como temporal, deste insecto. Esta é unha aplicación operativa no Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) e accesible na web no enderezo http://webs-gis.cesga.es/velutina que xurde no contexto do convenio de colaboración coa Deputación da Coruña para o ‘Estudo da problemática asociada a avespa velutina’. Esta plataforma está dispoñible de xeito gratuíto tanto para móbiles con sistema Android como IOS nas súas correspondentes plataformas de descarga.

Coñecer en tempo real onde se localiza a avespa velutina e poder cruzar estes datos coas características ambientais actuais desas localizacións “permite mellorar o coñecemento da autoecoloxía da especie a producir mapas actualizados de como será a súa distribución en tempo practicamente real”, aclara o doutor Luis Rodríguez Lado, investigador responsable do traballo, no que tamén participou o técnico do Cesga Abraham Martínez Gracia. Como explica o doutor Lado, VeluMap está baseada no concepto de mostreo colaborativo, a partir do cal os seus usuarios poderán comunicar de xeito sinxelo a presenza de individuos e niños á plataforma de monitorización a través dun rexistro de observación no seu teléfono móbil.

A plataforma VeluMap recibe os datos enviados por usuarios /as e actualiza automaticamente as predicións de distribución agardada para a especie. Como engade Rodríguez Lado “supón un grande avance xa que, ademais de ter datos de presenza en tempo real, está dispoñible un medio para identificar a presenza de avespa asiática en lugares remotos, pouco accesibles ou con pouca poboación, nos que actualmente non existe certeza da súa presenza porque simplemente non se teña comunicado oficialmente”. O equipo destaca o interese do uso desta ferramenta na medida en que canta máis xente use VeluMap e achegue datos, máis información dispoñible haberá sobre a localización da velutina, ao tempo que “mellor serán os resultados dos modelos preditivos para coñecer a expansión e distribución desta especie invasora en Galicia”.

Ata agora o principal limitante á hora de producir modelos actualizados foi a dispoñibilidade de datos en tempo real e a necesidade de recorrer a datos históricos de comportamento da especie observados no pasado para elaborar posibles modelos cos que poder predicir a súa potencial distribución de cara ao futuro. Con VeluMap xa é posible dispoñer de estimacións e mapas de distribución fiables para analizar a colonización das avespa velutina en Galicia utilizando datos de presenzas comunicados por usuarios/as en tempo real.

Proceso
A partir do rexistro como usuario, as persoas que utilicen VeluMap deberán elixir entre engadir observacións de individuos illados ou niño. Así se inicia a captura de datos, proceso no que se introducirá a imaxe correspondente, ben realizando a foto no momento ou recuperando imaxes da galería. No caso de que exista dúbida sobre a identificación da especie, a aplicación conta cunha guía simplificada da Consellaría de Medio Ambiente que axuda a verificar que se trate dunha velutina.

Unha vez tirada a foto, poderanse engadir comentarios sobre o ambiente no que se atopa a especie, para posteriormente sinalar o emprazamento xeográfico da observación e outros datos de interese como hora ou clima na localidade no momento da observación. Todos os datos recompilados súbense a unha base de datos para o seu almacenamento. En VeluMap pódense consultar os datos de presenza rexistrados e os mapas de distribución potencial xerados polo sistema a partir das distintas observacións achegadas.

Etiquetas