As San Lucas de Mondoñedo festexaranse do 17 ao 20 outubro

O presidente da Asociación organizadora das Feiras e Festas das San Lucas, Miguel Souto, adiantou esta mañá que Mondoñedo celebrará este ano 2019 as feiras máis antigas de Galicia entre os días 17 e 20 de outubro.

Ademais de dar a coñecer os días da celebración das San Lucas 2019, Souto presentou o cartel anunciador dunha nova edición das feiras, que un ano máis é obra do autor mindoniense e Fillo Predilecto da cidade, Xosé Vizoso. 

Souto quere agradecer de novo a implicación do mestre Xosé Vizoso. O cartel deste 2019 é “unha nova obra de arte”, considera, que nesta edición representa a entrada dos cabalos na praza da Catedral e músicos tocando diferentes instrumentos sobre a balaustrada do monumento, moitos deles dos  usados na interpretación da música celta como son a gaita, a arpa ou o violín.

Souto di que o cartel “representa moi ben e plasma de xeito maxestoso e moi característico e persoal non só a esencia das San Lucas, senón tamén o programa que queremos facer nesta edición”.  É sabido que As San Lucas teñen a súa orixe no mundo do cabalo e que se desenvolveron co transcorrer dos anos arredor dun amplo programa de actividades, que ademais da feira tamén engloba actividades culturais e literarias, xunto a música e diversión. “As San Lucas fan de Mondoñedo un lugar de encontro de culturas e este ano aínda máis”, adianta.

Polo tanto, a Asociación, coa colaboración de veciños e veciñas e das administracións públicas, está a perfilar a programación de As San Lucas 2019, coa que “internacionalizaremos as nosas festas” que se celebran anualmente dende1156 e que este ano suman 863 anos de feira, historia, cultura e tradición.

 

Etiquetas