Skip to main content
ActualidadeCervoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Medio cento de persoas coñeceu a ruta das canteiras de Cervo

Por 13 Agosto, 2019Sin comentarios

O Concello de Cervo, a través da delegación de Turismo, organizou unha visita guiada pola Ruta das Canteiras na que participou medio cento de persoas.

Os asistentes, entre os que se atopaban o rexedor, Alfonso Villares, e o edil de Turismo, David Rodríguez, puideron coñecer o pasado canteiro de San Cibrao da man do investigador do instituto Geológico y Minero de España, Jorge Fernández.

O roteiro, de dúas horas de duración, partiu ás 11:15 horas deste martes 13 de agosto, desde o Faro da Atalaia, e desde alí percorreron zonas como a Praia de Cubelas, a Ponte Medieval, as antigas Fábricas de Salgadura ou Punta Mingarolo.

No percorrido poden detectarse vestixios do traballo dos canteiros ao longo dos séculos en forma de frontes, bancos de traballo, trincheiras, cuñas e barreños, para extraer os sillares cos que logo se construíron as edificacións tradicionais da vila.

Ao longo da ruta instaláronse diferentes fitos que nos permiten afondar no pasado canteiro de San Cibrao; de onde se exportaron as laxas que se empregaron, por exemplo, para o empedrado da Praza Maior de Oviedo.

Villares precisou que desde o Concello estamos a facer unha aposta decidida pola divulgación e a posta en valor de todo o noso patrimonio natural e arquitectónico, “porque cremos que é fundamental traballar pola súa preservación e dalo a coñecer a toda a veciñanza pola importancia que ten na nosa historia”.

De feito, Cervo foi o primeiro municipio galego que se incorporou á rede de patrimonio natural e arquitectónico Construrock en novembro do pasado ano, un protocolo de colaboración que ten o obxectivo de promover a realización de actuacións científico-técnicas en materia de xeoloxía, pedra natural e patrimonio arquitectónico do municipio, en colaboración co Instituto Xeológico e Mineiro de España.