O Foz Market arrinca este mércores 14 con Food Trucks e concertos ata o domingo

Na explanada portuaria focense estanse a ultimar os preparativos da nova edición de Foz Market, que se celebrará do 14 ao 18 de agosto. O evento está organizado por Ruta Food Trucks, que conta coa colaboración do Concello de Foz e do Centro Comercial Aberto. 

Desde a organización de Foz Market, Ángel Rojo, explicou hai uns días que “é a oitava edición e supón continuar coa feria de mostras multisectorial que facíamos antes e que se convirteu agora no festival de food trucks de Foz, do 14 ao 18 de agosto inclusive. Son cinco días e dentro da programación temos unha serie de concertos de diferentes grupos de música. Tamén teremos a zona infantil e seguiremos na liña doutros anos”.

Pola súa banda, o presidente de Acia/CCA de Foz, José Carlos Paleo, lembrou que “son xa oito os anos que levamos desde a feira multisectorial e Foz Market dinamizando a segunda quincena de agosto na nosa vila e presentando unha oferta diferente para a xente que se poida achegar a Foz”. 

A organización anima “aos visitantes que estes días se atopan pola zona e aos veciños e veciñas da nosa vila a achegarse a Foz Market para saborear as propostas gastronómicas que alí van atopar e para escoitar música en vivo”. 

O mércores 14 ás 20:30 horas actuará Punta Norte e ás 22:30 horas tocarán Jin Tony’s Son. O xoves 15 ás 20:30 horas ofrecerá un concerto Valvulina e ás 22:30 horas actuará Tigers. O venres 16 ás oito e media da tarde tocará Gil & Hime e ás 22:30 horas será tempo para escoitar a Otus Scops. Os concertos seguirán o sábado 17 con Remakers ás 20:30 horas e Skuld ás 22:30 horas. E o domingo 18 actuarán ás 20:30 horas Swing XXI e ás 22:30 horas Half Black. 

 

Etiquetas