Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

As praias da Rapadoira en Foz e Abrela en O Vicedo albergarán unha campaña para evitar que o bañista sexa un furtivo

Por 14 Agosto, 2019Sin comentarios

A Xunta levará durante o mes de agosto a 31 areais de Galicia a campaña de concienciación ‘Non sexas pirata! Á praia vense a gozar, non saquear’, que se puxo en marcha o pasado 17 de xullo e que se prolongará ata o 31 de agosto, un período no que en total a iniciativa chegará ás 45 praias galegas con máis visitantes e que contan con maior produción marisqueira. Na Mariña, a praia da Rapadoira albergará a xornada informativa o 14 de agosto de 16 a 20 horas, salvo que as circunstancias meteorolóxicas o impidan, e en Abrela do Vicedo a cita será ao día seguinte, ás mesmas horas. 

O obxectivo desta iniciativa é concienciar á cidadanía sobre a ilegalidade que supón extraer marisco sen permiso de explotación. Para iso en agosto a campaña estará en areais dos concellos de Muros, Mugardos, Noia, Sada, Oleiros, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Vigo, Boiro, O Grove, Foz, O Vicedo, Mañón, Ortigueira, Cedeira, Muxía, Marín, Bueu, Dumbría, Cabanas, Carballo, Carnota, Cangas, Redondela, Outes, Fisterra, Miño, Cee e Baiona. No posto da campaña que percorrerá estes concellos realizaranse accións de concienciación tanto en horario de mañá como de tarde.

Esta iniciativa de sensibilización dá continuidade á realizada o verán pasado e este verán chegará a un total de 45 areais de 35 concellos, o que supón incrementar a súa incidencia pois en 2018 estivo presente en 35 praias de 21 concellos. O obxectivo é seguir concienciando á cidadanía sobre a importancia do sector marisqueiro na comunidade e da ilegalidade que supón a extracción de marisco sen permiso de explotación.

A campaña busca implicar a todas as partes na loita contra a problemática do furtivismo de bañador mediante a posta en valor do labor dos mariscadores e mariscadoras e o  chamamento á responsabilidade de cada bañista. A este traballo de concienciación súmase o que desenvolve o Servizo de Gardacostas de Galicia cos corpos e forzas de seguridade do Estado, que cada verán realizan unha media de máis de 500 inspeccións nas praias galegas que se chegan a saldar cunha media de arredor dunha tonelada de marisco comisado. 

O furtivismo é un problema socioeconómico, xa que afecta aos mariscadores profesionais que teñen permiso de explotación, sementan o marisco, limpan as praias e pagan uns impostos, pero tamén un problema medioambiental -porque supón un prexuízo para o ecosistema- e de saúde, pois pode supor un risco para quen consume produto extraído e comercializado de xeito ilegal ao non ter pasado ningún tipo de control que o avale.

A campaña engádese a outras accións de sensibilización da Consellería do Mar como o proxecto piloto desenvolvido no 2016, que consistiu na entrega de 5.000 paipais en diversas confrarías da provincia de Pontevedra con mensaxes de concienciación. Outra é a aplicación móbil ‘Non piques, non peques’, que leva preto de 12.000 descargas nas distintas plataformas móbil e que contén información sobre a época óptima de consumo de produtos do mar. 

 

A campaña

As accións que inclúe a iniciativa consisten nunha dinámica de xogo educativo que pretende amosar o traballo que hai arredor do marisqueo e dos profesionais desta actividade. Nelas explícanse aspectos sobre as especies autóctonas de marisco, a importancia de respectar o traballo dos profesionais do marisqueo e a dureza deste labor. Tamén se expoñen diferentes labores que realizan as mariscadoras e os mariscadores como as sementeiras e a limpeza e cuestións sobre os talles mínimos. A gastronomía, a seguridade alimentaria e a rastrexabilidade tamén se abordan de xeito ameno e práctico nas actividades da campaña.