Mondoñedo lanza unha campaña para evitar as bolsas de plástico non biodegradables

O Concello de Mondoñedo e a Xunta de Galicia colaboran coa Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Mondoñedo (ACIAM) na campaña ‘Di non ao plástico’, para fomentar a conciencia social sobre o uso de bolsas de plástico non biodegradables e a necesidade de reducir o seu consumo para “aforrarllas ao medio ambiente”.

A través desta iniciativa, os establecementos asociados á ACIAM repartirán bolsas reutilizables aos seus clientes para deste xeito implicar á sociedade na loita contra hábitos que afectan á natureza e ao medio ambiente, xa que “menos bolsas, significa máis vida”.

Segundo o Real Decreto 29/2018 de 18 de maio sobre a redución do consumo de bolsas de plástico, é obrigatorio cobrar polas bolsas de plástico dende xullo de 2018,  dende o 1 de xaneiro de 2020 prohibiranse as bolsas de plástico fragmentado e as de plástico grosas deben conter un 50% de plástico reciclado; e a partir do 2021 non se poderán comercializar bolsas de plástico lixeiras ou moi lixerias, agás aquelas que sexa compostables. “É necesario aportar aos clientes bolsas de outros materiais biodegradables”.

FOMENTO DO COMERCIO. A campaña tamén procura que se merque nos establecementos locais xa que, tal e como aparece rotulado nas bolsas reutilizables que se repartirán entre os clientes, “comprándolle ao teu veciño, medra o teu pobo”. Baixo este eslogan, convidase a efectuar compras nos negocios do tecido comercial mindoniense para facer dinamizar a actividade económica local.

Así mesmo, esta campaña que se visibiliza con bolsas de distintas cores, identifica aos clientes do comercio local e contribúe a construír unha imaxe de marca de Mondoñedo.

A alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia pon en valor esta campaña promovida pola ACIAM coa colaboración do Concello e da Xunta xa que “suma a un dobre propósito, no que todos debemos implicarnos e achegar o noso grao de area, tanto no que se refire ao coidado do noso medio ambiente e da nosa natureza como no relativo á dinamización do noso comercio local”.

 

Etiquetas