Alfoz e O Valadouro animan aos seus veciños a solicitar axudas polos danos ocasionados pola fauna salvaxe

O Concello de Alfoz, pero tamén o do Valadouro, fanse eco da orde do 31 de xullo de 2019 pola que se modifica unha anterior do 19 de decembro de 2018, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a prevención dos danos que causan determinadas especies de fauna silvestre e se convocan para o ano 2019. A Xunta amplía o prazo para pedir axudas polos danos ocasionados nas gandeirías e hortas pola fauna salvaxe, nomeadamente polo xabarín e polo lobo. Os afectados terán de prazo ata o 11 de setembro e os concellos de Alfoz e O Valadouro adoitan estar afectados por estas causas.

O día 8 de xaneiro de 2019 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 19 de decembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a prevención dos danos que causan determinadas especies de fauna silvestre e se convocan para o ano 2019.

No seu artigo 1 disponse que a orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas a favor das persoas titulares de explotacións agrícolas ou gandeiras afectadas polos ataques de especies de fauna silvestre (lobo e xabaril), coa finalidade de fomentar a aplicación de medidas de protección, para o que se incentivará a adquisición de elementos preventivos dos danos que poidan ocasionar estas especies, procedendo á súa convocatoria para o ano 2019.

O artigo 21 establece que o pagamento da cantidade adxudicada a cada persoa física ou xurídica queda condicionado á xustificación dos gastos obxecto de subvención e que o prazo máximo inicial para presentar a xustificación dos gastos rematará o día 9 de setembro de 2019.

O elevado número de solicitudes presentadas dificulta o cumprimento polas persoas beneficiarias dos prazos establecidos na orde para a execución e xustificación dos gastos relativos a estas axudas, tendo en conta que comprende dúas liñas: unha para a prevención dos danos ocasionados polo lobo (con dúas subliñas, unha delas para a adquisición e instalación de valados fixos) e outra liña para a prevención dos danos ocasionados polo xabaril.

Na tramitación dos expedientes tivéronse que outorgar prazos para emenda tanto de documentación como de erros e, ademais, no caso da subliña para a adquisición e instalación de valados fixos, foi necesaria a realización de inspeccións previas en campo para efectuar as comprobacións oportunas de axuste ao solicitado.

Todo o anterior ten xerado unha demora na resolución da convocatoria, diminuíndo o tempo efectivo dispoñible polos beneficiarios para a execución e a xustificación correspondente dos gastos obxecto de subvención.

Esta situación provoca a necesidade de establecer novos prazos de execución e xustificación destas.

Por iso, a Xunta modifica o artigo 21.2 que queda redactado como segue: «O prazo máximo para presentar a xustificación dos gastos rematará o día 11 de outubro de 2019. Porén, poderase conceder, por petición xustificada da persoa física ou xurídica interesada realizada antes da finalización do prazo establecido sempre que non se prexudiquen dereitos de terceiros, unha ampliación do prazo de xustificación das axudas que non excederá a metade do prazo inicialmente previsto».

Etiquetas