Chacín, en Riotorto, contará cunha nova rede de saneamento de augas

O núcleo rural de Chacín, no concello de Riotorto, contará cunha nova rede de saneamento financiada pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de firmar a acta de replanteo.

Os traballos, promovidos por Augas de Galicia en colaboración co Concello, contan cun investimento que supera os 51.000 euros e que permitirán a construción da rede de colectores e a instalación dun sistema de depuración de tipo fosa-filtro.

A nova rede de colectores no lugar de Chacín canalizará as augas residuais procedentes dunha trintena de vivendas mediante a colocación de tubaxes de PVC cara o sistema de depuración composto por unha fosa máis filtro compacta.

Tamén se proxecta o cerramento dos recintos de depuración mediante malla metálica galvanizada con zócalo de bloque.

A recollida comezará nunha arqueta ou pozo onde acometerán as saídas particulares das vivendas e discorrerán por tubaxes plásticas. Cada encontro entre ramais, cambio de dirección da rede ou novas acometidas, resolveranse cun pozo circular rexistrable.

Os colectores discorrerán fundamentalmente polas marxes dos camiños e estradas do lugar. Para a construción da rede de colectores e colocación de pozos, proxéctase a escavación e posterior recheo de gabias. Nalgúns casos haberá que cruzar camiños ou pistas asfaltadas, todas de ámbito municipal, para o que está previsto, ao finalizar as obras, a correspondente reposición de firmes e pavimentado.

Etiquetas