O PSOE asegura que o Goberno de Sánchez está traballando polo futuro de Alcoa

A secretaria provincial socialista e deputada autonómica, Patricia Otero, afirmou que o único Goberno responsable que esta traballando polo futuro de Alcoa e dos seus traballadores é o Goberno de Pedro Sánchez”. Otero fixo esta afirmación tras coñecer as declaracións do delegado Territorial da Xunta sobre este asunto.

A secretaria provincial socialista replica que “o Goberno de Feijóo esta promovendo unha campaña infundada sobre os despidos nesta empresa, cando sabe que por primeira vez dende o ano 2011, hai un Goberno traballando polo futuro deste sector. E que ademais conta cun Ministerio e cunha verdadeira política industrial, que co PP de Feijóo e Rajoy non existía. Un goberno que avanzou seriamente no estatuto para as electrointensivas mentres o goberno de Rajoy non fixera absolutamente nada”, espetou.

“Dende o PSdeG-PSOE vimos a seguir traballando e negociando para que os traballadores de Alcoa teñan un futuro digno. Ante a pasividade do Goberno de Feijóo, Candia e Balseiro neste asunto, os socialistas vamos a seguir loitando para garantir un proxecto estable e viable para toda a Mariña Lucense e para toda Galicia, e por suposto, a carón dos traballadores e das súas familias”, resumiu Otero.

 

PARTIDO POPULAR

Pola súa banda, o senador lucense, José Manuel Barreiro, demandará ao Goberno en funcións unha solución urxente para Alcoa San Cibrao. O popular vén de presentar na Cámara Alta unha interpelación neste senso “preocupado” e “alarmado” pola “falta de reacción” do Executivo ante a redución na produción da factoría, que pode conlevar o inicio de despedimentos a non moi longo prazo.

Barreiro defende que “estamos ante unha situación inaudita”, pois o peche de 32 cubas de electrólise nunca se produciu, salvo na ocasión do Casón. Por este motivo, pide aos dirixentes que emprendan as xestións necesarias para aprobar o estatuto das electrointensivas “para frear o que pode ser nun futuro non moi lonxano o peche da fábrica, tal e como xa aconteceu coas prantas de Avilés e A Coruña”.

Ademais, o popular considera que o Executivo de Sánchez “non ten escusas para non facelo”, xa que, aínda que está en funcións, podería aprobalo a través dun Real Decreto que, posteriormente, ratificaría o Consello de Ministros.  

Deste xeito, o senador lucense defende que non existe ningún impedimento para “dar luz verde” ao documento que paliaría a grave situación que atravesa Alcoa, xa que ata o de agora, ademais de non recibir aos afectados, Pedro Sánchez incumpriu os seus compromisos e tamén os prazos que el mesmo fixou. Son os seguintes:

  • O Real Decreto-Lei do Goberno de 7 de decembro de 2018, de Medidas Urxentes para o Impulso da Competitividade Económica no Sector da Industria e o Comercio en España, daba ao Goberno un prazo de seis meses para elaborar e aprobar un Estatuto de Consumidores Electrointesivos.
  • O Marco Estratéxico de Enerxía e Clima, presentado no Consello de Ministros o 22 de febreiro, establece a aprobación deste estatuto como unha das medidas de acompañamento aos sectores estratéxicos industriais previstas na Estratexia de Transición Xusta.
  • En febreiro de 2015, antes das elección xerais, o daquela candidato socialista Pedro Sánchez, prometeu aos traballadores de Alcoa que buscaría un sistema estable para 

FIXAR UNHA DATA

Barreiro sinala que é imprescindible concretar unha data para a aprobación do estatuto, porque sen un marco normativo e un prezo estable non hai futuro nin para Alcoa nin para o resto de empresas grandes consumidoras. Ademais, o prezo da electricidade en España é moi caro, un 50 % máis que en Alemaña ou Francia, polo que a factura eléctrica supón o 41 % do gasto de Alcoa, nun momento no que o prezo do aluminio no mercado tamén está baixo. 

Concretamente, esta pranta dá traballo a máis de 1.100 familias de (sumando as fábricas de alúmina e de aluminio), sen contar os empregos indirectos que xera na costa lucense, nas empresas auxiliares e en sectores como servizos e hostelería. Calcúlase que en torno a 5.000 postos de traballo en total.

 

Etiquetas