Burela contará mañá cunha festa da auga

As Concellerías de Turismo e Deportes  organizan unha serie de actividades para nenos e nenas que se desenvolverán nesta segunda quincena de agosto. O venres 23 haberá Festa da Auga e o día 31 Láser Combat. As inscricións poderán facerse na Casa da Xuventude ou ata unha hora antes do inicio da actividade.

O edil Ramiro Fernández Rey, anunciou que “desde a Delegación de Turismo e Deportes do Concello de Burela imos apostar nesta segunda quincena de agosto por unha serie de actividades para os nenos que van empezar no día de mañá”.

O concelleiro de Deportes e Turismo explicou que “o día 23 de agosto imos facer a Festa da Auga, que tamén vai ter inchables con deslizadores acuáticos nos que van poder participar gratuitamente os nenos que estiveron todo o verán nas escolas deportivas, e os que no estiveron van ter que pagar 3 euros. Decidimos darlles unha especie de premio aos nenos que acudiron todo o verán con nós ás escolas deportivas. Foi unha actividade que gustou moito o ano pasado e imos volver repetir este ano. Imos acabar o día 31 de agosto cunha batalla de láser, que lle chaman Láser Combat, que é unha especie de paintball con pistolas láser. Imos facelo na praza do Concello a partir das cinco e media da tarde. É recomendable para nenos de máis de 8 anos e totalmente gratuíta”.

Fernández Rey subliñou que “con estas actividades pretendemos dinamizar un pouco máis esta segunda quincena de agosto, que os nenos e nenas teñan alternativas para facer cousas novas que non fan normalmente, e tamén darlle unha alternativa para a toda a xente que nos visita con nenos. Esperamos que gusten e veremos se o resultado ten o éxito que pensamos que vai ter. Quero animar a todo o mundo a participar, que o pasen ben, e esperemos que para os próximos anos poidamos volver facer estas actividades”.

Etiquetas