A biblioteca de Alfoz muda o sistema de xestión en setembro e retoma a súa programación

A Biblioteca de Alfoz está en proceso de dinamización, dando acceso aos usuarios interesados no programa ‘GaliciaLe’, unha plataforma de libro electrónico con acceso tamén a audiolibros e películas en galego e castelán.
A responsable da bibliotecaria, Lisa Goás, engadiu que crearon un blog para a biblio, bibliotecadealfoz.blogspot.com. Ademais, o 16 de agosto tiveron no centro un obradoiro de marionetas. ‘Fíos e Papel’, de Teatro Marionetas Trécola, para nenos maiores de cinco anos.  Pasárono en grande, segundo os organizadores.

O 24 de outubro, coincidindo co día da biblioteca teremos unha representación de contos pola igualdade coa obra ‘Somos iguais’.

Pero antes, a partir do 8 de setembro, faise a migración a un novo programa de xestión na biblioteca. As normas de funcionamento están publicadas na web do concello e no blog da biblioteca.

Como sinala Goás, teñen intención de crear ao longo do ano clubes de lectura para nenos e grandes e realizar diversas actividades que acheguen aos veciños á nosa biblioteca.

Respecto da información sobre as novas normas de préstamo na Biblioteca Municipal de Alfoz, o carné da biblioteca serve para levar libros, películas, cedés de música, mapas… para casa. Hai que traer o carné para levar un préstamo.

En canto se formaliza a inscrición nunha biblioteca da Rede xa che da acceso a ‘GaliciaLe’, a plataforma do libro electrónico de Galicia.

Desde a páxina do catálogo da Rede se pode solicitar unha sesión personalizada, que vale para consultar o historial de buscas, crear listas privadas con seleccións de documentos do catálogo ou consultar as listas públicas creadas polas bibliotecas, propoñer a compra de obras para incorporalas á colección, solicitar que modifiquen os datos persoais, cambiar o contrasinal de acceso, colaborar no catálogo enriquecéndoo por medio de comentarios ou etiquetas relativos aos documentos e unha vez que che dan o carné da biblioteca poden consultar os préstamos vixentes ou anteriores, renovalos e reservalos.

Para facer o carné, hai que cumprimentar a solicitude que che dan en calquera biblioteca da Rede ou a que hai en Alfoz na web do catálogo. 

Fáise unha foto na biblioteca e hai que amosar un documento oficial identificador, como o DNI, carné de conducir, pasaporte, NIE… para comprobar os datos cando o socio veña facelo e cando se veña a recoller. O carné faise de balde e é persoal e intransferible.

O carné vale para as bibliotecas integradas no Catálogo Colectivo da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia: https://rbgalicia.xunta.gal/gl/bibliotecas-integradas-no-catalogo-da-rede-de-bibliotecas-de-galicia 

Convén comunicar os cambios nos datos persoais. En calquera caso, estes datos deben renovarse cada 5 anos no caso dos adultos, cada 3 nos nenos e cada 10, no caso das entidades.

A tarxeta só se cambiará en caso de deterioro ou perda, neste último caso hai que cumprimentar unha nova solicitude. A perda reiterada do carné conleva sanción: 7 días sen poder levar préstamos a 2ª vez que se perda, 14 días a 3ª vez, 21 días a 4ª e así sucesivamente.

Os menores de 14 anos teñen que ter unha persoa adulta (pais, titores) que se responsabilice da súa solicitude. Os pais ou titores poden facer uso do carné dos menores. Cando fagan os 14 xa se consideran adultos para o préstamo.

As entidades con fins culturais que pidan o carné, deben cubrir tamén un impreso indicando o nome do responsable da mesma (director, xerente…), o selo da entidade e o nome das persoas autorizadas (máximo 3) a usar este carné, acompañando fotocopia do DNI das mesmas.

Pódense levar 5 préstamos por persoa.

Tipo Lector Tipo Documento Máximo docs/ Tempo Renovacións
Adulto  Libros 3 durante 21 días 1 de 21 días
Audiovisuais 1 durante 7 días 1 de 7 días
Sonoros 1 durante 7 días 1 de 7 días
Arquivos de ordenador 1 durante 7 días 1 de 7 días
Revistas 1 durante 7 días 1 de 7 días
Lector libro electrónico 1 durante 21 días 1 de 21 días
Infantil Libros 3 durante 21 días 1 de 21 días
Audiovisuais 1 durante 7 días 1 de 7 días
Sonoros 1 durante 7 días 1 de 7 días
Arquivos de ordenador 1 durante 7 días 1 de 7 días
Revistas 1 durante 7 días 1 de 7 días

Pódese renovar o préstamo transcorridos 5 días da realización do préstamo ata o día da súa caducidade, tanto por teléfono coma na biblioteca ou por internet desde a túa sesión do catálogo. Non se permitirá a renovación de documentos reservados, nin se renova a usuarios sancionados ou con préstamos fóra de prazo.

Para renovar por internet, hai que entrar na conta persoal do catálogo da Rede: https://catalogo-rbgalicia.xunta.gal, nos recadros da dereita, meter o teu número de lector e un contrasinal. De non recibir o contrasinal por correo, podes solicitalo de novo desde aquí no apartado ‘Esqueceu o seu contrasinalou preguntar na Biblioteca. En canto entres na túa conta, marca os préstamos que queres renovar e dálle ao botón de Renovar.

No caso de que o que se busque estea prestado, pódese facer unha reserva desde a conta do catálogo, desde calquera biblioteca ou por teléfono. As reservas deben recollerse na biblioteca propietaria do documento. Só se reservan exemplares prestados. O prazo para recoller as reservas é de 3 días dende que é avisado o usuario. De non recoller as reservas, serán canceladas. Tamén se cancelarán as reservas dos usuarios sancionados ou con préstamos fóra de prazo. Os documentos reservados non se poden renovar.

No caso de entregar fóra de prazo os documentos, o usuario quedaría días sen poder usar o préstamo a domicilio. Cóntase 1 día por cada documento atrasado e día, ata un máximo de 90. Se finalmente non se devolven os documentos, o carné quedará bloqueado permanentemente e non se poderá levar ningún material en préstamo das Bibliotecas Integradas no Catálogo Colectivo da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

A Biblioteca Pública Municipal de Alfoz está situada na Seara s/n. Tamén se pode chamar no 982 57 12 41 ou escribir a alfoz.rbgalicia@eidolocal.es. Está aberta de luns a venres de 16:00 a 21:00 horas (o servizo de préstamo remata ás 20:30 h.).

 

Etiquetas