O BNG culpa á Xunta de responsabilizar aos gandeiros da recollida de plásticos

O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas denuncia o “incumprimento do acordo parlamentario”, do mes de novembro do 2018,  que obrigaba á Xunta a seguir colaborando cos concellos na recollida e transporte dos residuos de plásticos agrarios á xestores autorizados para a súa reciclaxe.

O nacionalista denuncia que na actualidade, gran parte destes  residuos están a ser depositados en contedores domésticos sen que polo momento a consellería de Medio Ambiente actúe a pesar de “ser residuos plásticos de composición identificable que facilita a súa reutilización, previo proceso en planta”.

Rivas critica a actitude “cicateira” de Medio Ambiente porque a cantidade que se destinaba á xestión destes residuos situábase en 24.200 euros, unha cantidade, en opinión do deputado “irrisoria” para resolver un problema que incide negativamente no equilibrio medioambiental.

O deputado tamén  sinala que os plásticos agrarios recollidos anualmente nunca superaron as 4.000 mil toneladas sobre un total de 8.000 e ao seu xuízo, agora estamos ante unha situación que coloca aos gandeiros, agricultores e concellos  ante un problema que é medioambiental e polo tanto “responsabilidade da consellería de Medio Ambiente”. 

Rivas lamenta que se produzan tantas declaracións institucionais sobre o grave problema dos plásticos depositados no mar e nas rías ao tempo que  a conselleira de Medio ambiente mostra “unha sensibilidade nula” dos residuos xerados pola actividade agrícola e gandeira. Unha vez, máis quere lembrar que o BNG rexistrou diversas iniciativas para preservar o medio ambiente e anunciou que esta será unha prioridade política para o BNG no comezo da actividade parlamentaria.

 

Etiquetas