Máis de 3.000 persoas visitaron no Forte de San Damián a mostra subacuática

A exposición de fotografía submarina ‘Ribadeo, o que a ría esconde’, que ocupou as salas do forte de San Damián desde o 3 ata o 18 de agosto de 2019, trasladouse á sala de exposicións do Real Club Náutico de Ribadeo, onde permanecerá ata o 15 de setembro en horario de apertura das instalacións do Club. 

Pilar Otero, a concelleira de Cultura, explica que “este traslado vén motivado polo enorme éxito acadado, xa que cerca de 3.000 persoas puideron gozar desta primeira exposición fotográfica de temática de patrimonio cultural subacuático galego, neste caso da ría de Ribadeo, e co ánimo de responder á grande demanda do público”. 

A edil ribadense di: “desde o Concello de Ribadeo convidamos a seguir visitando nas  instalacións do Club Náutico esta mostra que destaca polo seu valor histórico-arqueolóxico e que nos amosa a variedade e riqueza das cerámicas atopadas, datadas desde o século XVI. Este feito dá conta das vizosas relacións comerciais dun porto importantísimo, vinculado con destinos tan distantes como Gran Bretaña, Flandres ou Alemaña”.

Otero engadiu que “neste novo emprazamento tamén se pode seguir visionando o documental no que se explica a importancia e o valor dos restos e no que se pode admirar o patrimonio arqueolóxico subacuático”.

 

Etiquetas