O BNG estivo cos traballadores de Alcoa e esixe unha mesa de negociación urxente para abordar o seu futuro

Tras a xuntanza do BNG co comité de empresa  de ALCOA para analizar as consecuencias da redución da produción de aluminio na factoría da Mariña, a portavoz nacionalista, Ana Pontón trasladou o apoio do BNG ao colectivo de taballadores e traballadoras e responsabilizou ao Partido popular e PSOE da medida.

Pontón manifestou a súa preocupación polo futuro da empresa, cunha redución do 11% da produción durante este ano, e advertiu que se non existe un marco enerxético estable competitivo, a situación pode agravarse e  afectar ao emprego.

O problema de ALCOA, afirmou, precisa dunha solución inmediata e nesa liña anunciou que o BNG presentará iniciativas no Parlamento, Deputación de Lugo e concellos afectados para buscar unha alternativa que garanta a estabilidade na factoría, “motor económico da Mariña e con gran incidencia no sector industrial galego”.

A portavoz do BNG pediu á “Xunta que non se poña de perfil” ante un problema que non só afecta a ALCOA senón que, explicou, ten consecuencias para a industria electrointensiva no noso país. A situación,  dixo, “ten responsabilidades políticas directas do Partido popular que creou un marco enerxético que impide competir con empresas do entorno europeo e internacional” pero tamén do “Partido popular que goberna a Xunta e ten competencia en industria”. Por outro lado, engadiu, o Partido Socialista prometeu un “estatuto” para as industrias electrointensivas antes das eleccións de abril e no mes de agosto seguimos sen unha solución. “Sentimos enganados e enganadas polo Partido Socialista” e o seu desinterese polo futuro industrial do noso país, remarcou a portavoz do BNG.

En Galiza non podemos permitirnos perder un só posto de traballo polo custe da enerxía porque ademais somos exportadores e resulta paradóxico que as empresas eléctricas sigan engordando os seus beneficios e “facéndose de ouro” mentres a enerxía en Galiza non redunda en emprego e futuro para os traballadores e traballadoras de ALCOA.

O BNG, asegurou Pontón  continuará traballando para acadar unha solución ao problema enerxético, un problema, dixo,  que pasa pola “defensa dunha tarifa eléctrica galega, un estatuto para as industrias electrointensivas cun prezo competitivo e o compromiso desas empresas de investir e garantir  emprego”. 

A portavoz do BNG reiterou que a Xunta non pode poñerse de perfil “nin botar balóns fóra” polo que propuxo crear unha “Mesa de negociación con presenza da Xunta, Alcoa e comité de empresa” para paralizar a redución da produción e non poñe en perigo 2.000 empregos. Dende o BNG levaremos a situación de Alcoa ao primeiro pleno do Parlamento galego, no mes de setembro, porque hai que tomar decisións e abandonar a política de “espectáculo e propaganda”. A crise política do estado está a crear “graves problemas en Galiza” e necesitamos solucións.

Á xuntanza da portavoz nacional do BNG co comité de empresa de ALCOA tamén asistiron: a  deputada do BNG por Lugo, Olalla Rodil, a alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida e membros do consello comarcal do BNG na Mariña.

 

Etiquetas