Skip to main content
ActualidadeRibadeoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Ribadeo recibirá da Xunta o 10 por cento do custe da obra no Pepe Barrera

Por 28 Agosto, 2019Setembro 4th, 2019Sin comentarios

O Concello de Ribadeo asinou un convenio de colaboración coa Xunta de Galicia para o financiamento das obras de remodelación do campo de xogo do estadio municipal Pepe Barrera. O alcalde en funcións de Ribadeo, Pablo Vizoso, agradece a achega da administración autonómica, que so supón o 10% do montante total da obra, arredor de 46.000 euros. Vizoso lembrou que a Deputación aporta 150.000 euros e o Concello 220.000 euros. 

Vizoso declarou que “desde o Concello de Ribadeo, en relación coas obras de remodelación do estadio municipal Pepe Barrera, queremos manifestar en primeiro lugar, o noso agradecemento á Xunta pola súa achega económica segundo o convenio que acabamos de asinar. Por outro lado, como integrante da Corporación Municipal e tamén do equipo de goberno, consideramos que esta cantidade podía e debía ser máis elevada, sobre todo tendo en conta as circunstancias específicas do caso e ademais tendo en conta que se trata da Xunta de Galicia, que é unha administración de carácter superior e que precisamente ostenta as competencias en materia deportiva, sobre todo en promoción do deporte”.

O rexedor en funcións engadiu que “se atendemos aos montantes económicos resulta que esta achega da Xunta, que é de 46.200 euros, ven supoñer un 10% do custe total do proxecto de remodelación do campo de xogo, que se financia grazas tamén a outra cantidade de 150.000 euros que achega a Deputación e o resto, máis de 220.000 euros, a cargo de fondos propios aportados directamente polo Concello de Ribadeo, o que supón para unha institución como esta un enorme esforzo”.

Pablo Vizoso subliñou que “en calquera caso, insisto unha vez máis, que queremos agradecer á Xunta a súa achega e a súa colaboración e desexamos seguir colaborando dunha maneira moi estreita en novos convenios polo futuro e polo ben de Ribadeo”. 

Pola súa banda o edil de Deportes, Jorge Díaz, subliñou que as obras no Pepe Barrera marchan a bo ritmo e que a previsión é que estean rematadas a principios do vindeiro ano 2020. 

Foi Pablo Vizoso, como alcalde en funcións, o encargado de asinar o convenio xunto ao secretario xeral para o Deporte da Xunta, José Ramón Lete trala visita as instalacións.