Burela acolle dende o venres e ata o domingo a feira do libro

Na V Feira do Libro de Burela, que se celebrará do 30 de agosto ao 1 de setembro, haberá presentacións, actividades para os máis pequenos, teatro con Carlos Blanco e Touriñán e sorteo de agasallos. O pregón será pronunciado por Pablo Mosquera o sábado ás 12:30 horas e ese día terá lugar un debate titulado O trasno, 30 anos despois, no que participarán Emilio Legaspi e Manuel Nebril a partires das 20:00 horas. 

O concelleiro de Cultura, José Díaz, anunciou que “este fin de semana celebramos en Burela a quinta Feira do Libro. Empezará o venres e transcurrirá durante todo o fin de semana. Os horarios van ser de 12:00 a 14:00 horas polas mañás e de 18:00 a 21:30 horas polas tardes. Faremos o pregón o sábado ás doce e media da mañá e este ano o pregoeiro vai ser Pablo Mosquera, unha persoa moi vinculada á cultura en toda A Mariña, e en particular á literatura, é dos que tiran das feiras do libro ademais de pola  súa traxectoria literaria”.

O edil contou que “tamén teremos un par de contacontos, tanto o sábado como o domingo, á unha do mediodía. O sábado estará Fátima Fernández e o domingo Caxoto Cativo para darlles presenza aos máis pequenos e que se vaian afeccionando ás feiras do libro. Haberá ademais un taller infantil de manualidades con Conchita Fraga, o venres de seis a oito da tarde na praza da Mariña”.

Díaz lembrou que “este fin de semana temos programado, paralelo á Feira do Libro, a obra ‘Unha noite na praia’ con Carlos Blanco e Touriñán. Fixémolo coincidir porque non nos parece mala idea que haxa varios eventos o mesmo fin de semana, como xa fixemos coa Feira do Bonito para que a xente teña máis oferta onde elixir”.

O concelleiro de Cultura contou que “haberá varias presentacións ao longo dos tres días de diferentes escritores, moitos deles da Mariña. Ademais teremos unha actividade distinta, que penso que pode resultar moi interesante, que será o sábado ás oito da tarde, e consistirá nun debate titulado O trasno, 30 anos despois. Emilio Legaspi e Manuel Nebril van falarnos do que era esta publicación de fai anos en Burela, en concreto estivo na rúa de 1985 ata 1990, tiña unha tirada mensual e recollía a actualidade política, social e cultual do que entón era o concello de Cervo. Recuperamos estas publicacións a través de Buril, a asociación cultural do pobo que hai poucos meses deixaba a súa actividade despois de moitos anos facendo moitas cousas ben feitas pola cultura en Burela. No seu momento a Deputación de Lugo publicou os números desta revista nun dobre volume, que foi o que nos fixo tomar a decisión de que dous dos responsables desa publicación nos falen dela o próximo sábado”. 

José Díaz seguiu a relatar que “na Feira tamén teremos á nosa escritora local Antía Yáñez, que presentará o seu último libro ‘O misterio do Torques de Burela’ o domingo ás oito da tarde. Pecharemos esta edición de 2019 cun evento musical ás nove e media o domingo,  que actuará Crooner 432”.

O edil burelés agarda que “esta Feira do Libro congregue a moita xente este fin de semana en Burela e que se vexa que desde o Concello se lle dá importancia ao libro, e a que os nenos e nenas coñezan o libro a pesares das novas tecnoloxías porque penso que é un formato que debemos seguir coidando. Teremos oito casetas na Feira e quero agradecer a súa presenza aos libreiros que veñen a estar con nós este próximo fin de semana en Burela”.                                                                                                                                                                     

 

Etiquetas