Continúan eliminando o verquido de zurro que chegou á ría de Ribadeo

O alcalde en funcións de Ribadeo, Pablo Vizoso, insitiu en que a auga da traída segue a ser apta para o consumo segundo as analíticas realizadas por Viaqua, tras o vertido de xurro que se producía o pasado domingo en Vegadeo (Asturias) e que chegaba ao río Eo. O Concello está en contacto tanto coa Confederación Hidrográfica do Cantábrico como coas Consellerías de Sanidade e do Mar. Mañá, mércores, está previsto que se realicen analíticas extraordinarias nas praias dos Bloques e do Cargadeiro, situadas en plena ría, e haberá outras ordinarias arredor do 1 de setembro. De momento o Concello segue a recomendar que a xente non se bañe estes días neses areais, como medida de precaución.

Vizoso dixo que “desde o Concello queremos seguir transmitindo tranquilidade á poboación de Ribadeo. Queremos informar que estamos en contacto tanto con Viaqua como con outras administracións e organismos que teñen competencias nesta materia. Concretamente Viaqua síguenos informando de que a zona de captación de Vilarbetote non se viu afectada nin comprometida en ningún momento, xa que está situada augas arriba do lugar do vertido e que as análises diarias seguen mostrando valores dentro dos parámetros aptos para o consumo”.

O rexedor en funcións contou que “a Confederación Hidrográfica do Cantábrico xa nos confirmou que está limpando o río Ouría e retirando espumas e restos dese vertido e que iniciaron un programa de mostreos periódicos tanto no Ouría como no Eo, aínda que de momento non se coñecen os resultados desas análises”. 

Vizoso sinalou que “nos puxemos en contacto novamente coa Consellería de Sanidade, que nos confirmou que mañá realizarán as mostras nas praias dos Bloques e do Cargadeiro e por precaución, simplemente por precaución, mantemos a recomendación de non utilizar esas praias, non usalas para o baño, e agardaremos a dispoñer dos resultados de dúas analíticas, a extraordinaria de mañá e outra ordinaria, que contamos que se realice sobre o 1 de setembro, a non ser que antes dispoñamos de información que nos recomende cambiar estas medidas. Contactamos tamén coa Consellería do Mar, que está facendo un seguimento da ría e seguirao facendo nos próximos días, e comunícanos que ata o de agora non se observou ningunha anomalía”.

 

Etiquetas