As festas patronais ribadenses comezarán co pregón o día 31 a cargo do xornalista Fabián Pérez

Co pregón que pronunciará o xornalista ribadense Fabián Pérez Rego este sábado, 31 de agosto, darán comezo as festas patronais de Ribadeo 2019. Será ás 20:30 horas no Teatro. E no mesmo intervirán o presidente da comisión organizadora, Juan José Otero, e o alcalde, Fernando Suárez. O acto será conducido pola xornalista Carmen Cruzado.

O pregoeiro Fabián Pérez naceu en Ribadeo en 1993, estudou no Colexio Sagrado Corazón e no IES de Ribadeo Dionisio Gamallo Fierros. En 2011 trasládase a Barcelona a cursar a carreira de Xornalismo e dous anos de Ciencias Políticas. Desde 2015 reside en Madrid, cidade á que se desprazou inicialmente para cursar un máster.

Pasou polo diario El Progreso en A Mariña no verán de 2014 e estivo na Cadena SER en Barcelona en 2015. Actualmente traballa como reporteiro no programa Todo es mentira, de Cuatro, presentado por Risto Mejide. O seu vínculo con Mediaset non queda aí, xa que traballou durante tres anos no programa Partido a partido, emitido na plataforma Radioset e na canle Be Mad. Entre estas dúas etapas pasou polo programa Aquí hay madroño, de Telemadrid.

A Fabián Pérez encántalle visitar Ribadeo, onde residen o seu pai e parte da súa familia materna. Está namorado da súa vila, onde participa non só nas súas festas, senón tamén na súa vida social. De feito acudiu a disfrutar do VI Ribadeo Indiano e tamén pasou aquí parte das súas vacacións de verán. Fabián Pérez declarou hai unhas semanas sentir “un orgullo e unha emoción inmensas, así coma un soño feito realidade”. 

A continuación do pregón actuará a Coral Polifónica de Ribadeo.

O programa de actividades seguirá o 5 de setembro co Día Infantil. Ás 16:00 horas haberá teatro para os nenos e nenas de 3 a 10 anos. Será a storytime Around the world, by Kids&Us School of English Ribadeo. Ás 16:30 horas no parque Diverneno con inchables, festa da escuma e moito máis. No caso de que o tempo non acompañe os xogos trasladaranse ao pavillón do colexio Gregorio Sanz. E xa pola noite ás 22:30 horas haberá festa verbena amenizada pola orquestra Los Satélites.

O 6 de setembro, venres, as orquestras Trébol e Nueva Fuerza serán as encargadas de amenizar a festa verbena desde as 22:30 horas. 

O día 7, véspera da Patroa, grandes bombas de palenque anunciarán esta data pola  mañá. Ás 11:30 horas sairán os Cocos e os Cabezudos, acompañados polo grupo Amigos da Gaita. Ás 22:30 haberá verbena con Passarela e La Favorita. E ás doce da noite terá lugar a gran sesión de fogos artificiais no peirao. 

O día grande das festas patronais de Ribadeo será o 8 de setembro, festividade de Santa María do Campo. A xornada arrincará con potentes bombas de palenque. Ás 12 do mediodía na igrexa parroquial será a misa solemne cantada pola Coral Polifónica de Ribadeo, seguida da procesión que estará acompañada pola Banda Municipal de Música ribadense, que despois ofrecerá un concerto diante do Concello. Xa pola noite as orquestras Palladium e Televisión serán as encargadas de poñer a nota musical na verbena. 

E o 9 de setembro será o Día dos Nenos. Durante esa xornada haberá prezos populares nas atraccións das festas. 

 

Etiquetas