A asociación de profesores de automoción de Ribadeo podería incorporarse a un proxecto en Mauritania

Ribadeo celebrou o VIII Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos no que participaron máis de 80 persoas. Na asemblea xeral da Asociación de Profesores de Automoción de Galicia (APAGA), celebrada no marco do evento, abordáronse cuestións como un proxecto a desenvolver en Mauritania, as fins de semana tecnolóxicas que se desenvolverán proximamente, o incremento das cotas dos asociados e o informe económico de 2018.

APAGA continuará coas súas accións formativas en países como Alemaña, Suecia, Turquia, Croacia ou Francia aos que viaxarán un total de 44 profesores. Tamén dentro dunhas semanas chegarán a Ribadeo profesores lituanos e en marzo haberá un grupo de alumnos dese país que farán prácticas durante un mes en empresas da zona.

O presidente de APAGA, Álvaro Doural, contou que “a asemblea de APAGA se vai centrar no informe económico de 2018 porque o peche contable está feito, e ata finais de decembro non se pechará o de 2019. Tamén falaremos sobre a programación de cursos dos sábados que se van facer. Tamén vai haber unha proposta de subida de cotas de 30 a 50 euros anuais e vaise volver sobre o tema dos proxectos europeos que neste momento se van poñer en marcha. E hai outra proposta, que a ver que opinan os socios, sobre a incorporación a un proxecto en África, en Mauritania, arredor da formación profesional”.

Nas últimas horas tamén se presentaba no Fórum, que se celebra en Ribadeo, o vindeiro proxecto Erasmus+ no que participará APAGA. O seu presidente anunciou que “van participar sobre 44 profesores, que son as prazas que hai, para o 2020. É un proxecto que aínda que empeza en 2019, as saídas de profesores van ser de marzo a xuño do vindeiro ano. Os países a visitar van ser Alemaña, Suecia, Turquía, Croacia, República Checa, Lituania, Italia, Francia e Eslovaquia”.

Álvaro Doural manifestou que “a nosa vontade é seguir colaborando en iniciativas doutros países. Precisamente agora, en outubro e novembro, van visitarnos profesores de Lituania, e despois en marzo vai haber un grupo de alumnos de Lituania facendo prácticas que van estar un mes en empresas da zona. Isto independentemente doutras accións que poidan saír ao longo de 2020. A nosa vontade é colaborar cos nosos socios europeos, eu creo que o camiño debe ser ese”. 

O VIII Fórum de Innovación e Formación sobre Vehículos abordou entre outras as últimas novidades en transmisións, a xestión dos pneumáticos usados e a tecnoloxía do autobús urbano. 

Etiquetas