A Deputación colabora coas actividades de Expomar cunha achega de 10.000 euros

O Presidente da Deputación, José Tomé, mantivo un encontro co Presidente da Fundación Expomar e co alcalde en funcións de Burela, Alfredo Llano, no que se asinou o convenio que regula a subvención nominativa de 10.000 euros que o organismo provincial lle concede á entidade para o financiamento das súas actividades.

José Tomé sinalou que Expomar “xoga un papel moi importante para o dinamismo da economía mariñana e do conxunto de Lugo, e supón un escaparate turístico de primeira orde para dar a coñecer a riqueza de recursos da provincia”. 

A Fundación Expomar realiza dúas actividades principais, a Feira Produart de produtos artesanais e ecolóxicos e a Feira bianual Expomar, un espazo de encontro e comunicación entre administracións, empresarios e traballadores do mundo do mar. Así mesmo, Expomar organiza outras dúas citas, anteriormente vinculadas á Feira bianual, pero que pola súa relevancia adquiriron entidade propia e que se celebran cada ano na vila mariñá: o Encontro Empresarial e as Xornadas Técnicas onde se tratan temas de actualidade con relatores de primeiro nivel.

CONFRARÍAS. Continuando coa rolda de entrevistas con colectivos sociais que vén mantendo dende a conformación do Goberno provincial, José Tomé tamén se reuniu co Presidente da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores, José Basilio Otero Rodríguez.

O Presidente e Otero Rodríguez coincidiron na necesidade de crear conciencia en torno á importancia do sector pesqueiro para o desenvolvemento da provincia, e sensibilización ante os novos retos que se lle presentan.

Etiquetas