Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAViveiroZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Urxen ao goberno de Viveiro a actuar por unha casa en ruínas que ameaza á vecindade

Por 31 Agosto, 2019Sin comentarios

O Grupo Municipal do PP de Viveiro diríxese ao equipo de Goberno local para pedir que realice os trámites necesarios para instar aos propietarios do inmoble en ruínas situado no número 16 da rúa Rosalía de Castro, ou á administración que corresponda, a corrixir de inmediato o seu mal estado de conservación para garantir a seguridade e salubridade dos veciños e viandantes “antes de ter que lamentar algún incidente irreversible”.

Os populares solicitan a través dun rogo ao Executivo municipal socialista que aplique a normativa de solo de Galicia así coma as normas estatais e o Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) en relación á conservación e rehabilitación de construcións se refire; ademais de que elabore un novo informe sobre o actual estado do inmoble. Tamén propoñen dende o PP de Viveiro a elaboración dun informe técnico das edificacións que poidan estar nesta mesma situación no Casco Histórico de Viveiro para instar á súa reparación co obxectivo de velar pola seguridade e a salubridade dos veciños e viandantes.

Dende o Grupo Municipal do Partido Popular recollen esta petición dos veciños e veciñas da zona preocupados polo “risco de posibles desprendementos”; xa que “caen cascotes, cristais, pedras e partes da balconada da edificación tanto á vía pública coma ao patio de luces de casas lindeiras”. Polo tanto, “impide que os veciños e veciñas poidan utilizar o seu patio en condicións de seguridade”.

Precisamente para advertir desta situación, “os veciños e veciñas se dirixiron en varias ocasións ao Concello de Viveiro sen obter resultados favorables”. Así, os populares viveirenses explican que “a propietaria do inmoble lindeiro puxo en coñecemento da administración municipal o 22 de decembro de 2014 a través dun escrito presentado no Rexistro o estado de abandono da edificación indicando tamén os perigos aos que se ven sometidos os viandantes ou, incluso, ela mesma a diario. Xa con data do 12 de agosto de 2015 ampliou a información e non foi ata o 24 de abril de 2017 cando recibe contestación da alcaldesa indicando unha proposta de orde de execución de obras no inmoble en ruínas”.

Ante a falta de actuacións e co obxectivo de contribuír a mellorar o entorno de Viveiro e o dos veciños e veciñas, dende o Grupo Municipal Popular preguntan ao Goberno local polas xestións realizadas dende o rexistro do primeiro escrito ata o día de hoxe, se o Concello está a facer un seguimento do estado de seguridade e salubridade do inmoble debido ao seu deterioro e se solicitou algún informe máis dende abril do 2017 para informar á persoa solicitante sobre o estado do edificio ruinoso. Igualmente interpelarán ao Goberno do PSOE de Viveiro sobre o pagamento do IBI por parte da propietaria do inmoble e, no caso de non estar ao día, pola situación do expediente de cobranza.