Viveiro asegura que se está actuar nas vivendas en ruínas

A alcaldesa de Viveiro, a socialista María Loureiro García, quixo clarexar, con respecto á alusión que facía o PP sobre o estado dunha vivenda dentro do casco histórico, Rosalía de Castro 16, que no pleno da vindeira semana contestarase detidamente os rogos e preguntas plantexadas ao respecto polo grupo municipal do PP; con todo, pódese adiantar que o Concello é coñecedor da súa situación e que constan informes emitidos tanto pola Policía Local, como pola técnica da Oficina de Rehabilitación do Casco Histórico de Viveiro e polo Vixiante Urbanístico.

Xa foi incoado expediente de orde de execución e os propietarios son descoñecidos, polo que xa se publicou o correspondente anuncio no BOE. Por parte do Concello vense actuando sobre os elementos que corren máis perigo para evitar desprendementos á vía pública.

Aproveitase a ocasión para explicar que precisamente se remitiu un escrito á Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para dar conta do estado de abandono das edificacións sitas en Rosalía de Castro, nº 22-Fernández Victorio, nº 17 e Fernández Victorio, s/n, tamén no casco antigo, propiedade do Instituto Galego de Vivenda e Solo. Este escrito remítese tras diversos contactos telefónicos e o informe enviado o 15 de xullo de 2019 ao IGVS, solicitando que se dea cumprimento ao requirimento realizado á máxima brevidade posible e que se proceda á súa rehabilitación para o aluguer, tal e como se tiña previsto.

Etiquetas