Skip to main content
ActualidadeRibadeoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Os establecementos hostaleiros asociados a Acisa de Ribadeo poderán ampliar o seu horario durante as festas patronais

Por 4 Setembro, 2019Sin comentarios

A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autonómos, ACISA, comunicou aos seus socios hostaleiros as ampliacións horarias concedidas pola Xunta de Galicia das que poderán gozar durante as festas patronais. Estas contan tamén co visto bo do Concello de Ribadeo.

O xerente de ACISA, Jesús Pérez, explicou que “no mesmo comunicado se informaba aos establecementos que as Forzas e Corpos de Seguridade contan cun listado dos membros da asociación para que saiban, de primeira man, cales son os locais que poden disfrutar desa ampliación horaria, e tamén dos días que se permite abrir unha hora máis”.

Pérez contou que “do mesmo xeito tivemos que informalos de que a asociación solicitou de forma inicial unha ampliación horaria para que os días das festas a hostalería nocturna puidera abrir ata ás 8:00 da mañá, co fin de que tiveran a oportunidade de aproveitar ao máximo estas datas. Deste xeito cando remataran as orquestras e a xente quixese seguir de festa, poidese facelo na hostalería local asociada, sendo conscientes do beneficioso que podería ser para eles. Pero lamentablemente, a pesar de que o Concello de Ribadeo informou favorablemente e que inicialmente o servizo de espectáculos de Lugo tamén, a Xunta non nolo concedeu e por iso so contamos cunha hora máis de ampliación horaria sobre as licencias da cada local.”.

Jesús Pérez engadiu que “a resolución que autoriza esta ampliación contempla as madrugadas do 31 de agosto ao 1 de setembro, e do 4 ao 9 de setembro, coincidindo así cos días de verbenas das festas patronais”.

O xerente de ACISA lembrou que “so se poden beneficiar desta ampliación os establecementos asociados a ACISA, por iso dende a asociación cremos que este é un servizo moi interesante e unha vantaxe máis para que os hostaleiros se dean de alta na asociación. Esta ampliación é concedida pola Consellería de Presidencia da Xunta, tras un informe favorable do Concello de Ribadeo e da Comisión de Espectáculos Públicos e Actividades Recreativas de Galicia, e está amparado baixo a Lei 10/2017 de espectáculos públicos e actividades recreativas e na orde de 16 de xuño de 2005, onde se establece a posibilidade de solicitar ditas ampliacións pagando as correspondentes taxas”.