A alcaldesa de Trabada lembra que segue habendo roturas na rede de abastecemento que urxe reparar

A alcaldesa de Trabada, a socialista Mayra García, súmase ao seu hómologo ribadense, o rexedor Fernando Suárez, á hora de reclamar unha mellora da rede de abastecemento que afecta aos dous concellos. Nese senso, fixo pública a carta enviada á Xunta con este petición e nela insiste en que vanse cumprir tres meses dende que os dous alcaldes lle solicitaron aos titulares autonómicos unha xuntanza na que tratar problemática existente co abastecemento de auga para consumo humano destes dous municipios. Durante este tempo producíronse novas roturas nesta tubaxe que comprometeron seriamente o correcto funcionamento do servizo ou outras incidencias como o vertido accidental de zurro no veciño Concello da Veiga (Asturias), que de milagre non afectou á captación de Vilarbetote.

Estes feitos non fan máis que reflectir a comprometida situación na que se encontran a captación de Ribadeo, a de Vilarbetote (Trabada), resultando que o día menos pensado non imos dispoñer de auga para abastecer aos nosos veciños, tanto os de Ribadeo coma os de Trabada, xa que varios núcleos de poboación do Concello de Trabada se abastecen a través desta rede, sinala na misiva a rexedora socialista.

García sabe que o abastecemento de auga para consumo humano é unha cuestión municipal, pero tamén que nos últimos 8 anos, dende o 2012, Augas de Galicia ten recadado dos veciños deste Concello en torno a 6.000 euros anuais correspondentes ao canon da auga, o que a día de hoxe serían xa 48.000 euros, dos que non houbo retorno algún no noso municipio en obras de abastecemento.

Considera necesario que dunha vez por todas dialoguen tódalas partes implicadas, isto é, os concellos de Ribadeo e Trabada e a Xunta de Galicia, para buscar unha saída que permita garantir un dos principais dereitos dunha poboación humana, dispoñer de auga en cantidade e calidade axeitada. Non hai que esquecer que a Lei de Augas de Galicia (Lei 9/2010) no seu artigo 3, Principios, establece que a Comunidade Autónoma de Galicia exercerá as súas competencias en materia da auga e obras hidráulicas de  conformidade cos principios, entre outros, de “garantía da calidade do subministro da auga urbana en defensa da saúde dos cidadáns e cidadás” e “garantía de eficacia na prestación dos servizos públicos de abastecemento, saneamento e depuración”.

Así tamén, o artigo 44 fala de que a recadación que se obteña do canon da auga queda afectado ao desenvolvemento de programas de gasto que promovan, entre outros, “o apoio económico ás administracións que dentro da Comunidade Autónoma de Galicia exerzan competencias no ámbito do ciclo urbano da auga”.

García lembra que a Xunta de Galicia, elaborou, xa hai uns 8 anos, un proxecto global para substituír a tubaxe que ven dende Vilarbetote, ascendendo a un presuposto total de 5.788.804,01 euros. Polo tanto, advírtelle ao responsable da Xunta que non debera sorprenderse da súa perplexidade pola falta de compromiso da administración autonómica nestes últimos anos, máis tratándose dun tema tan serio como este da auga para consumo humano.

García está empezando un novo mandato, por diante quedan 4 anos de traballo, e quere que este traballo sexa en coordinación coa Xunta, para lograr un servizo da auga axeitado para a veciñanza.

VÍA VERDE. Pretenden a substitución da rede que discorre durante máis de 20 quilómetros a través da antiga vía do tren mineiro Vilaoudriz-Ribadeo, trazado ferroviario de principios do século XX, que estivo en funcionamento ata os anos 60. Despois de ter insisitido moito nos últimos anos, conseguimos, segundo afirma a rexedora, que o Ministerio de Medio Ambiente (actualmente Ministerio para a
Transición Ecolóxica) redactase un proxecto para convertelo nunha vía verde entre Asturias e Galicia, que se convertería nunha das mellores do Estado, pola súa lonxitude, pouca inclinación e destacables paisaxes nun trazado comprendido integramente dentro da Reserva da Biosfera do Río Eo, Oscos e Terras de Burón.

Máis todo isto non se poderá levar a cabo, obxecta, se previamente non resolven a problemática da acometida da auga, xa que é unha tolería, opina García, acondicionar un sendeiro onde a 1 metro de profundidade discorre dende fai máis de 40 anos unha tubaxe de fibrocemento de 300 mm que está a romper cada pouco polos sitios máis inesperados, o que suporía un grave risco para os usuarios desta senda proxectada.

Insistimos que primeiro queremos garantir o subministro de auga segundo o proxecto de Augas de Galicia, que se desprazaría deste trazado do tren mineiro para outros camiños públicos e así conseguiríase desbloquear este segundo proxecto turístico, económico e sostible entre os concellos de A Pontenova, San Tirso de Abres (Asturias), Trabada e Ribadeo.

En conclusión, reitera a necesidade dunha xuntanza canto antes, á maior brevidade posible, co fin de garantir a subministración de auga dende o río Eo, remarcando que a actuación relativa ao sendeiro do tren mineiro é algo secundario, estaría nun segundo plano, sendo prioritario solucionar canto antes a problemática existente coa acometida de auga dende a captación de Vilarbetote en Trabada.

Etiquetas