Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAViveiroZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Levan ao pleno de setembro en Viveiro a rehabilitación do colexio vello de Celeiro

Por 5 Setembro, 2019Sin comentarios

Os populares de Viveiro instan ao Goberno local, a través dunha moción para debater na vindeira sesión plenaria, a retomar coa Xunta de Galicia e a Deputación Provincial as xestións para levar a cabo os proxectos de rehabilitación do colexio vello de Celeiro e a cesión das instalacións dirixidas a albergar a Escola Oficial de Idiomas (EOI).

Deste xeito, o Grupo Municipal Popular amosa o seu apoio ao traslado da actividade da EOI para as instalacións do antigo colexio Pedrosa Latas que é propiedade do Instituto Social da Marina (I.S.M.), pero que “segundo a nosa información a titularidade e cesión non sería problema por parte das administracións afectadas para efectuar este traslado”. Isto permite “empregar a planta superior do edificio que comparten a Escola Oficial de Idiomas e a asociación Aspanane para construír a súa residencia nas mesmas instalacións onde agora se sitúa tamén o centro de día”. É máis, os populares consideran que “esta iniciativa é beneficiosa non só para os nosos veciños e veciñas, senón tamén para as dúas entidades que fan uso destas instalacións na actualidade”.

Xa no seu momento Aspanane, que ven realizando dende varios anos un traballo fabuloso, matizan, coas persoas con necesidades especiais, contou co apoio da Corporación Municipal para levar adiante o seu “ansiado” proxecto de residencia. “Trátase dun servizo moi demandado porque non existen instalacións na comarca dirixidas ao coidado de persoas con capacidades diferentes que se ven obrigadas a empregar outros centros fóra da Mariña. Cónstanos que nos últimos anos o Goberno local traballou na procura de locais alternativos para a EOI; pero, a pesar de agradecer o esforzo, lamentamos que non lograran unha solución”, engaden.

 Os edís do PP local recordan que “o pasado 2 de marzo de 2019, a Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo e o Concello de Viveiro presentaban o proxecto de rehabilitación do antigo colexio Pedrosa Latas de Celeiro co obxectivo de acoller as instalacións da Escola Oficial de Idiomas (EOI)”. As melloras contempladas –illamento térmico e acústico, impermeabilización, división de espazos, acabados e instalacións, así coma adaptacións necesarias que as poidan empregar as persoas con mobilidade reducida- requiren un investimento duns 500.000 euros que financiarían a partes iguais o Concello, a Deputación Provincial e a Xunta de Galicia, tal e como se teñen comprometido”.