Skip to main content
ActualidadeRibadeoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Acisa Ribadeo critica os apagóns e advirte de que o domingo 8 pecharán moitos comercios pero abrirán o luns

Por 6 Setembro, 2019Sin comentarios

A Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos, Acisa, DE Ribadeo pide unha vez máis responsabilidades á compañía distribuidora da enerxía polos continuos cortes de luz que se están a producir estes días, o último deles esta mesma mañá.

A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo, a través do seu xerente, Jesús Pérez, cualificou de “lamentable que en pleno século XXI teñamos que sufrir case a diario micro cortes de luz en Ribadeo, con todo o que iso supón para as empresas. Levamos xa uns días padecendo de novo esta situación. O último deses microcortes rexistrouse a mañá do día 5”.  

Pérez Prada dixo: “seguimos sen entender o que está a pasar cando ademais contamos cunha nova subestación eléctrica, que se supoñía que ía poñer fin a toda esta problemática, que xa é moi vella, e que desgraciadamente continúa. Queremos que Viesgo nos explique qué está a pasar en Ribadeo”. E subliñou que “cada vez que se producen estes cortes de luz recibimos na nosa oficina ducias de chamadas dos nosos asociados e asociadas queixándose dos danos e prexuízos que todo isto lles ocasiona. Sempre hai algunha máquina que se queima. Pedimos que Viesgo se responsabilice dos danos causados cada vez que se vai a luz en Ribadeo, sexan tres segundos ou cinco minutos”. 

O xerente de Acisa cualificou de “vergoñentos e intolerables estes cortes de luz, que se producen na semana grande de Ribadeo, con todo o que iso supón. A vila celebra estes días as súas festas patronais e non nos podemos permitir mais incidencias deste tipo. Desde Acisa agardamos que todo o mundo poida traballar con normalidade ao longo desta semana, comercios, hostaleiros, autónomos, servizos, etc…”.

DOMINGO. O comercio ribadense, por tradición, abre os domingos pola mañá, algo que podería non ocorrer este 8 de setembro (domingo) Día da Patroa. Desde Acisa comentan que “estamos a recibir moitos correos e avisos de empresarios e empresarias que están a decidir pechar os seus locais ao celebrarse o Día da Patroa este vindeiro domingo, e algúns outros preguntándonos que facer ese día.

Debido a que no calendario non é un día festivo como tal, o que podemos facer desde a asociación, e de feito estamos a facer estes días e na xornada de hoxe, é comunicarnos cos asociados, é animar a todos e todas a gozar dos festexos e por respecto a Ribadeo e ás súas festas recomendamos que o comercio peche e aproveiten para descansar tanto os donos dos comercios coma os empregados”. 

Dende a xerencia de Acisa recordan que “as compras que alguén quixera facer o domingo vai podelas facer o luns xa que moitos establecementos abriran as súas portas, debido a que en Asturias cambian o festivo do domingo ao luns. O 8 de setembro é o Día de Asturias, que o Principado celebrará o 9, e serán moitos os que se trasladen a Ribadeo a pasar esta ponte festiva na comunidade veciña”.

A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos engade que “en todo caso a decisión de manter aberto ou pechado un local correspóndelle a cada propietario, nos non podemos nin queremos obrigar a ninguén, pero si os supermercados pechan as súas portas e a maior parte do comercio pequeno tamén, nesta ocasión creemos que é o apropiado que todos e todas, pequenos, medianos e grandes comercios, pechen o domingo 8 de setembro, por elo é o que dende Acisa recomendamos”.

Por outra banda, desde Acisa lembran tamén que “os locais hostaleiros asociados poderán abrir unha hora máis do que recollen as súas licencias desde esta madrugada e ata o vindeiro domingo, debido á celebración das festas de Ribadeo e ás xestións realizadas por Acisa diante da Xunta e do Concello”.