O alcalde de Burela fixo un balance positivo da feira do libro e felicita ás xogadoras do Pescados Rubén polo título en Milán

O alcalde socialista de Burela, Alfredo Llano, fai un balance moi positivo da V Feira do Libro. O rexedor subliñou o interese do Concello por espallar a cultura, felicitou ao concelleiro José Díaz polo traballo realizado e á veciñanza de Burela por asistir de xeito notorio ás diferentes actividades programadas durante a fin de semana.

O rexedor declarou que “rematou a quinta edición da Feira do Libro que comezamos a organizar aquí o ano 2015, que ano tras ano se foi consolidando, e agora penso que é unha referencia clara na Mariña. Nosoutros facémola para dalgunha maneira contribuír á base cultural do pobo, ás oportunidades de ver e participar en debates e nestes tres días penso que se cumpriron perfectamente. A Feira do Libro é unha manifestación máis do interese que ten o Concello de Burela por espallar a cultura na súa diversidade e tamén a xente pode escoitar de forma directa as opinións dos propios autores de moitos libros, tanto de fora de Galicia como da nosa comunidade, da Mariña e incluso de Burela. Iso é algo interesantísimo e que dá lugar á singularidade desta feira e ao mesmo tempo a cantidade de actos que paralelamente se foron facendo, musicais, contacontos, etc…”.

Llano pensa que “eses días foron moi completos e que realmente nos motivan para seguir facendo este tipo de feiras, que loxicamente hai que ir procurando mellorar, que sexan cada vez máis atractivas e que haxa máis participación, tanto de escritores como de librerías. Xa se está pensando en facer esa mellora cara ao ano que ven. Quero felicitar ao concelleiro de Cultura e tamén á xente do pobo que se achegou de maneira moi notoria este ano á praza da Mariña a disfrutar da Feira do Libro de Burela”.

FELICITACIÓN. O alcalde de Burela quixo felicitar ao Burela Pescados Rubén de fútbol sala feminino que se proclamaba campión do 4Nations Futsal celebrado en Milán. Alfredo Llano destacou a calidade do equipo, do corpo técnico, do club e lembrou tamén á afección.

Para o rexedor burelés “se algo queda claro é o nivel de fútbol sala que temos en Burela, que conta agora mesmo con dous equipos en primeira división, o masculino e o feminino. O equipo feminino acaba de acadar un novo título. Hai que recoñecerlle unha valía extraordinaria e desde logo isto está motivado polo bo facer do equipo, polo ben que se fan as cousas no Burela FS. Ademais é case un agasallo ao tremendo interese polo fútbol sala que hai neste pobo, á afección entregada que sempre está no polideportivo Vista Alegre para animar a esta xente”.

Alfredo Llano engadiu: “Penso que este novo trofeo é unha consecuencia que nos dá unha visión europea xa e que aclara o que é o pobo de Burela a través do fútbol sala. E tamén nos dá unha dimensión de que se están facendo ben as cousas, que son moi competentes estas xogadoras, os técnicos, o equipo e tamén a afección que hai aquí en Burela. Polo tanto parabéns ao equipo feminino, á afección e ao pobo de Burela”.

Etiquetas