Burela convoca unha praza de peón para a brigada de incendios

O alcalde accidental, Ramiro Fernández Rey, comunica que o BOP publicou este mércores, 4 de setembro, a convocatoria para proceder á contratación dun peón destinado á brigada de incendios. O rexedor lembra que xa se sacou anteriormente este proceso, aínda que non foi posible culminalo con éxito. O contrato terá unha duración de tres meses e as persoas interesadas dispoñen de cinco días hábiles para presentar a documentación correspondente.

Ramiro Fernández dixo que “no día de hoxe saíu publicada no BOP unha convocatoria para a contratación dun peón destinado á brigada de incendios que nos subvenciona a Xunta”.

O alcalde en funcións lembrou que “xa tíñamos sacado este proceso anteriormente, pero non fomos capaces de completalo con toda a xente que correspondía, porque os peóns que foron seleccionados non deron pasado as probas físicas que esixe o posto”.

Fernández Rey anima “á xente a presentarse. É un contrato temporal de tres meses, teñen cinco días hábiles para presentar as solicitudes no Rexistro do Concello e esperemos que a xente se anime a participar e poidamos completar esta brigada de incendios”.

Etiquetas