Skip to main content
Sin categoría

Ribadeo recibíu no verán a máis de 65.800 visitas

Por 8 Setembro, 2019Sin comentarios

As dúas oficinas de turismo, a de Ribadeo e das Catedrais, recibiron en agosto as consultas de máis de 40.500 persoas, que sumadas ás 25.000 de xullo fan un total de máis 65.000 nos meses centrais do verán. A ocupación hoteleira en agosto situouse entre o 95 e o 100%, incrementáronse as pernoitas en Ribadeo, subiu o turismo organizado e tamén o número de peregrinos que percorren o Camiño Norte a Santiago. Os datos foron ofrecidos polo concelleiro Pablo Vizoso.  

O edil de Turismo explicou que “os hoteis de Ribadeo pechan o mes de agosto cunha ocupación do 95-100%, superando lixeiramente a cifra do mesmo mes en 2018. O municipio recibe un turismo que é fiel, a pesar da meteoroloxía, e que se mantén, alentado polos visitantes de todo o estado español, que buscan un destino con fermosas paisaxes, unha interesante oferta cultural, unha gastronomía excepcional e un clima suave. Á vista destes datos está claro que Ribadeo é un referente de primeiro nivel no turismo galego, situándose como un dos destinos máis importantes do norte de Galicia”. 

Pablo Vizoso dixo que “a este destino, veñen visitantes de todo o estado e cidades españolas pero son os madrileños os que máis se decantan por pasar os días de descanso na nosa vila. Cataluña, Andalucía, Castela e León e Valencia son as seguintes comunidades de residencia con más turistas que visitan Ribadeo. Os turistas internacionais proceden de máis 40 países diferentes pero sobretodo de Francia, Italia e Alemaña”.

A oficina de turismo da vila abriu todos os días do mes de agosto en horario de mañá e de tarde contabilizando un total de 15.002 viaxeiros. Nesta oficina os días de maior afluencia foron o 7 de agosto con 729 persoas e o 21 de agosto con 739 visitantes. Cabe salientar que o día 6 só durante a mañá se atenderon a máis de 400 persoas.

O punto de información turística da praia das Catedrais rexistrou un total de 25.521 consultas. Os días de maior afluencia foron o 18 de agosto con 1.107persoas e o día 22 con 1.151 viaxeiros atendidos.

O concelleiro de Turismo tamén se referiu ás pernoitas: “segundo os datos rexistrados segue a tendencia á alza das persoas que pernoitan en Ribadeo e consultan as nosas instalacións. Así un 33,3% establecen a súa base no noso concello. E despois de facer unha sondaxe entre os establecementos hoteleiros a ocupación neste mes de agosto foi do 95%-100%”.

No tocante ao turismo de procedencia estatal, Madrid segue a ser o principal emisor con 9.267 persoas entre as dúas oficinas xunto con Cataluña e Andalucía. Sendo a Comunidade Valenciana e Castela e León as seguintes comunidades emisoras.

Con respecto ao turismo internacional, nótase un importante incremento dos viaxeiros procedentes de Italia que duplican aos do ano pasado e que practicamente igualan aos visitantes chegados de Francia, que é o principal emisor. Outros países emisores a destacar son Alemaña, Portugal e Arxentina.

Outro dato importante é o notable incremento de viaxeiros procedentes de Rusia que duplican aos do ano pasado.

O  turismo español supón o 90,64% do total e o estranxeiro o 9,36% na oficina do centro da vila. E na da praia das Catedrais o turismo español supón o 85,83% e o estranxeiro o 14,17%.

GRUPOS. Un total de 79 grupos con 3.438 persoas acudiron a solicitar información ás oficinas de Ribadeo durante este pasado mes de agosto. Para Pablo Vizoso “trátase dun dato relevante xa que cada vez é maior o número de autobuses que trae á xente ata Ribadeo para desfrutar de todos os encantos que ofrece. Na oficina de turismo do centro rexistráronse un total de 29 grupos organizados con 1.237 persoas, mentres que polo punto de información das Catedrais pasaron 50 grupos con 2.201viaxeiros”.

CAMIÑO. O concelleiro de Turismo engadiu que “en canto ao Camiño de Santiago desde que o Camiño Norte conseguira a distinción de Patrimonio da Humanidade o número de peregrinos que o percorreron multiplicouse. É xa unha estampa habitual atoparse en Ribadeo con peregrinos no centro histórico e naquelas parroquias polas que transcorre. Durante estes 2 meses recibíronse camiñantes de máis de 40 países diferentes entre os que destaca Alemaña, Italia, Francia, etc. Un dato moi importante é que aumentou a cifra de peregrinos que pernoita na vila debido á recente inauguración de dous albergues de peregrinos privados. Este dato vén confirmar que o Camiño está a xogar un papel crave en desestacionalizar o turismo de Ribadeo. O obxectivo é lograr que a vila teña visitantes, non só durante a época estival, senón o resto do ano”. 

Os esforzos realizados durante este último ano polo Concello de Ribadeo (xornadas entorno ao camiño Ribadeo no Camiño, obradoiro de emprego Ribadeo co Camiño e o programa desenvolvido pola Concellería de igualdade Ribadeo Camiño Seguro) para promocionar e mellorar o Camiño Norte ao seu paso polo municipio tiveron un efecto dinamizador directo sobre o número de peregrinos que cruzaron Ribadeo nos últimos anos e desde o departamento de Turismo seguirase a traballar para que ano tras ano sexan máis os camiñantes que elixen o roteiro xacobeo que transcorre polo municipio.

En total 665 peregrinos foron os que solicitaron información na oficina de turismo da vila, o que segue a demostrar o tirón que ten o Camiño Norte de Santiago.

AUGAS SANTAS. As Catedrais confirma un ano máis o seu carácter de icona turística de Galicia. Así, segundo os datos da Consellería de Medio Ambiente, a praia ribadense consolídase como o segundo monumento de Galicia máis visitado, só superado pola catedral de Santiago de Compostela, e en terceiro lugar atópanse as Illas Cíes.

Neste mes de agosto, tendo en conta que as entrada estiveron esgotadas 26 días consecutivos, As Catedrais recibiu máis de 126.000 visitantes. Converténdose, desta maneira, no destino imán da Mariña.