Skip to main content
ActualidadeBurelaSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Culpan ao alcalde de Burela de non convocar o pleno de xullo e non facilitar documentación á oposición

Por 9 Setembro, 2019Sin comentarios

Os concelleiros electos do PP burelés denunciaron que “o alcalde en funcións está actuando con absoluta ausencia de transparencia ao non facilitar os decretos e resolucións de alcaldía desde o pleno ordinario celebrado en marzo. Ao noso xuízo, e segundo a Ley Orgánica Reguladora del Régimen Electoral General (LOREG), tiña que ter convocado o pleno ordinario de xullo, para dar conta precisamente deses decretos e resolucións e permitirlle aos grupos da oposición a formulación de rogos e preguntas para poder fiscalizar a labor do goberno municipal”.

Os populares indican que “a propia LOREG é moi clara cando indica que os gobernos e administracións en funcións só atenderán as cuestións referidas á administración ordinaria. Nada máis propio da administración ordinaria que os plenos ordinarios e nada máis transparente que dar conta da xestión e dos decretos de alcaldía e permitir á oposición cumprir co seu deber e dereito de fiscalización e control da actividade do goberno local”, cren. Nese sentido, “da a sensación de que ao Sr. Llano non lle gusta ter que render contas pola súa nefasta xestión”, manifestan.

Desde o PP afirman que “á vista da situación, vimos de solicitar por escrito, a través do actual Grupo Municipal, copia dos decretos e resolucións do alcalde desde o pleno ordinario de marzo, así como outra documentación relativa, por exemplo, á anunciada cesión do camión de bombeiros ao parque de Barreiros, feita polo Sr. Fernández Rey coa conivencia do Sr. Llano”.