Comeza o curso en Infantil e Primaria con máis alumnos en xeral que o ano pasado

O mércores 11 de setembro comezarán en Galicia as clases nos ciclos de infantil, primaria e educación especial para 196.900 nenas e nenos, o que supón un 0,5 % menos ca no curso 2018/19, segundo os datos provisionais recompilados polos servizos estatísticos da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. Neste sentido cómpre lembrar que as cifras de matriculación poden ir mudando ao longo do curso escolar. 

INFANTIL. Segundo estimacións da Xunta de Galicia, 59.519 alumnos comezarán este ano nas aulas de educación infantil, o que supón un 0,1 % máis ca no curso 2018/19.

Por tipo de centros hai 4.676 en Lugo en centros públicos, 1.635 en privados e  89 nos non concertados, na provincia lucense.

Ademais hai que sinalar que nesta etapa educativa o alumnado non nacionalizado español se incrementou case un 19% respecto do curso anterior: de 1.248 do curso pasado a cifra medrou a 1.485 no presente.

PRIMARIA. Por outra banda, as mesmas previsións que manexa a Consellería indican que 136.161 alumnos tamén comezarán o mércores as clases de educación primaria en Galicia, o que supón practicamente a mesma cifra ca no curso anterior (un 0,8% menos). En centros públicos en Lugo hai 10.192 e máis de 3.000 en centros privados.

No caso da educación primaria o número de alumnos sen nacionalidade española, a diferenza respecto do ano pasado é do 6,6% máis, 603 alumnos en Lugo o pasado curso e 643 no presente, dentre un total de 4.198 en Galicia.

No que atinxe á educación especial, o número estimado de matriculados para este curso é de 1220, 32 alumnos máis ca no 2018/19.

Por tipo de centros e por provincias queda do seguinte modo, 560 alumnos en centros públicos, dos cales 76 están en Lugo, e 650 nos privados, doce deles na provincia lucense.

Os centros públicos, privados e concertados que desde o 11 de setembro impartirán ensinanzas de educación infantil e primaria e educación especial quedan distribuídos do seguinte xeito son catro en Lugo para a educación infantil, 90 para Primaria, 26 para ESO e dous para Educación Especial.

No referido ao profesorado, os datos estimados, a falta de que se realicen as pertinentes contratacións de interinos e substitutos para cubrir as necesidades puntuais que se presenten a inicio de curso, indican que o conxunto do sistema educativo galego público contará con 30.101 docentes.

POR CONCELLOS. En Educación especial, en Barreiros, constan 2 matrículas e en Foz, 3. Nos colexios públicos de Infantil, na Pontenova constan 29 alumnos. En Alfoz, 13, en Barreiros, 40, en Burela, 194, en Cervo, 96 e en Foz, 152. En Lourenzá, 48, en Mondoñedo, 65.

No Valadouro, 46, no Vicedo, 19, en Ribadeo, 110, en Riotorto, 12 e en Trabada, 7, mentres que en Viveiro, 285 e en Xove 63 matriculados, dentre un total de 4.676. 

En Infantil, nos colexios concertados, en Foz constan 133, en Ribadeo, 96 e en Viveiro, 47, dentre un total de 1.635.

En Primaria na Mariña, nos colexios públicos, na Pontenova constan 43 matrículas, en Alfoz, 28, en Barreiros, 92,en Burela, 431, en Cervo, 170, en Foz, 335, en Lourenzá, 78, en Mondoñedo, 120, no Valadouro, 89 e no Vicedo, 48.

En Ribadeo, 274, en Riotorto, 31, en Trabada, 26, en Viveiro, 652 e en Xove, 121 dun total de 10.162 alumnos.

En Primaria pero nos concertados, en Foz constan 274 alumnos matriculados, en Ribadeo, 258 e en Viveiro, 141 dentre 3.404. 

TRANSPORTE E COMEDOR. O mesmo día do comezo de curso escolar empezarán a funcionar os servizos de transporte e os de comedor xestionados pola Consellería, tras as modificacións oportunas que se realizan anualmente para o seu axuste ás necesidades actuais.

Así, este ano, a falta de que se pechen as últimas autorizacións, o número estimado de prazas de comedor escolar será de 76.987, das cales 14.890 serían xestionadas por ANPAS ou Concellos, existindo tamén axudas –ou convenios de colaboración- da Consellería neste concepto para ambas as entidades. En total o departamento educativo da Xunta xestiona 434 comedores, deles 300 de forma directa e 134 de forma indirecta  (a través de empresas que serven menús con todos os estándares de calidade garantidos). Pola súa banda as ANPAS son responsables de 130 comedores e os Concellos de 52.

Neste sentido, cómpre lembrar que a Consellería subvenciona os menús de arredor de 4700 comensais nestes 52 centros escolares de 15 concellos de toda Galicia. Así mesmo a Consellería facilita subvencionar o servizo de comedor escolar a 507 alumnos de centros de educación especial non públicos a través de convenios con 15 entidades.

No que atinxe ao transporte, prestarase servizo –segundo as estimacións provisionais- a 88.054 alumnas e alumnos de 776 centros públicos. Ademais, darase cobertura de transporte a 314 alumnos de centros de educación especial que non son públicos a través de convenios con 13 entidades. Deste xeito Galicia volve ser a primeira Comunidade do Estado no referido ao volume que representa este servizo educativo complementario.

INDICADORES. Este ano por primeira vez a publicación Datos e cifras do ensino non universitario, que edita a Consellería ao inicio de cada curso escolar, inclúe a evolución de diversos indicadores educativos de relevancia.

Deste xeito, compílanse os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) respecto da taxa de abandono educativo temperá, que a finais de 2017 era en Galicia case 11 puntos máis baixa que en 2009 e 3,4 puntos menor que a media española. Neste sentido cómpre lembrar que a taxa de abandono educativo temperá continúa descendendo en Galicia, dado que, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) a media do ano 2018 foi de 14,3 puntos. 

Así mesmo, recóllense os datos da taxa de idoneidade aos 12, 14 e 15 anos, que está en todos os casos por riba da media española. Cabe salientar que no caso do alumnado que remata a primaria a taxa ascende ao 87,2%, isto é, case 9 de cada 10 alumnas e alumnos galegos estudan o curso escolar que lle corresponde por idade. 

Por outra banda, inclúense os resultados dos últimos informes PISA con mostra galega (anos 2006, 2009, 2012 e 2015). Neste sentido destaca o último dos estudos, no que o alumnado galego colleitou resultados superiores á media española e á media da OCDE en todas as competencias analizadas. 

 

Etiquetas