Skip to main content
ActualidadeFozSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Foz fai un chamamento a concentrarse a noite do 20 de setembro contra a violencia machista

Por 10 Setembro, 2019Sin comentarios

O Concello de Foz apoia e súmase  á campaña Emerxencia Feminista, contra os asasinatos machistas, as manadas e as agresións sexuais, convocada para o próximo día 20 de setembro, a nivel estatal por colectivos feministas. 

Segundo os datos da Delegación de Goberno, o mes de xullo foi o peor en 13 anos en casos de violencia machista, trece mulleres e unha menor foron asasinadas polas súas parellas ou ex-parellas, que se suman ás máis de mil mulleres asasinadas dende o 2003. E as agresións sexuais “en manada” suman máis do dobre que nos pasados anos.

Fronte a esta barbarie, convócase aos veciños e veciñas a unha concentración  nocturna o 20 de setembro ás 21:30 horas diante do Concello na que se invita a levar una luz violeta en memoria das vítimas. “A fachada do concello será iluminada de violeta a noite do 20 e nós con lanternas, velas ou móbiles, saiamos á rúa a rexeitar a violencia contra a muller, para que este dia sexa recordado como no que a noite se fixo violeta, no noso Concello”, explica Verónica Peña, Concelleira de Muller e Igualdade. 

O equipo de goberno levará ao próximo pleno unha declaración institucional, para a súa aprobación pola corporación municipal, contra os asasinatos machistas e contra toda forma de violencia contra as mulleres, que rexeite tamén calquera tipo de declaracións ou mensaxes que contribúan á xustificación da violencia de xénero, que promovan a súa minusvaloración ou cuestionamento así como das ferramentas normativas das que nos temos dotado para combatela, anuncia o alcalde de Foz, Fran Cajoto.