Solicitan a reforma integral do colexio Gregorio Sanz de Ribadeo

O voceiro do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Daniel Vega, na súa condición de deputado no Parlamento de Galicia solicita á Xunta de Galicia a reforma integral do CEIP Gregorio Sanz.

O popular traslada á Cámara galega, a través dunha iniciativa parlamentaria, a necesidade de “acometer obras de mellora nas instalacións do único centro de ensino público de educación infantil e primaria do municipio de Ribadeo que, ademais, é o centro de referencia da zona”. Concretamente, o pasado curso 18/19 contou con 411 alumnos e alumnas -117 en Educación Infantil divididos en 6 unidades e 294 en Primaria divididos en 13 unidades-. O número de novas matrículas para este curso, correspondentes ao alumnado de 3 anos, é de 44.

Esta medida, segundo explica Vega, pretende “garantir a funcionalidade das instalacións e o desenvolvemento da actividade educativa de forma eficiente e, por suposto, en condicións de seguridade tanto para o conxunto do alumnado coma para o cadro de persoal docente e administrativo”.

Vega recorda que “a mellora destas instalacións da resposta ás demandas da comunidade educativa e da AMPA A Faxarda”. Esta actuación era unha das propostas que recollía o programa electoral dos populares de Ribadeo e á que agora dan cumprimento a través desta iniciativa do Grupo Parlamentario Popular. En materia de infraestruturas os populares ribadenses propoñían tamén no seu programa electoral a mellora da estación de autobuses “que xestionamos ante o Goberno galego e que agora é unha realidade”.

Etiquetas