Skip to main content
ActualidadeRibadeoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Ribadeo selecciona a 19 desempregados para un novo obradoiro de traballo

Por 11 Setembro, 2019Sin comentarios

O Concello inicia o proceso de selección das 19 persoas (16 alumnos, 2 monitores e 1 director/a) da nova edición do Obradoiro de Emprego DOC-TIC, que arrincará a finais de setembro. Durante seis meses os asistentes combinarán o traballo en arquivos e dixitalización coa formación a través dun contrato de formación polo que percibirán o Salario Mínimo Interprofesional. 

O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, explicou que “un ano mais e por cuarto ano o Concello de Ribadeo aposta pola dixitalización e recuperación do seu valioso patrimonio documental coa posta en marcha do Obradoiro de Emprego DOC–TIC III, desenvolto polo Concello de Ribadeo  cofinanciado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. O obradoiro DOC-TIC foi financiado nun 91,89% polo Fondo Social Europeo e a Iniciativa de Emprego Xuvenil con cargo ao Programa Operativo de Emprego Xuvenil, para o período 2014-2020”.

O edil ribadense subliñou que “con este proxecto o Concello pretende continuar  na liña dos obradoiros anteriores e seguir coas funcións primordiais dun arquivo público e as dun obradoiro de emprego. Por un lado recoller, custodiar e difundir a información significativa para o enriquecemento da memoria colectiva e por outro, a obtención de competencias profesionais que faciliten a inserción laboral”.

Pablo Vizoso indicou que “neste obradoiro poderán participar como alumnado traballador  persoas menores de 30 anos que estean inscritos no paro e no programa de garantía xuvenil. Dentro deste obradoiro, que está previsto dea comezo a finais deste mes de setembro,  se incorporarán dúas especialidades: unha de produción fotográfica, que estará integrada por 8 alumnos, e a outra especialidade será de operación de datos de gravación e tratamento de datos e documentos”. 

O concelleiro de Desenvolvemento Local engadiu que “serán un total de 16 alumnos, os que combinarán durante 6 meses o traballo en arquivos e dixitalización coa formación a través dun contrato de formación polo que percibirán o Salario Mínimo Interprofesional. 

Vizoso dixo que “a convocatoria e as bases de selección de persoal  xa se atopan abertas e nas que se oferta: 8 persoas alumnas -traballadoras no módulo de produción fotográfica; 8 persoas alumnas- traballadoras no módulo de operación de datos de gravación e tratamento de datos e documentos; 1 persoa monitora para o módulo de operación de datos de gravación e tratamento de datos e documentos; 1 persoa monitora para o módulo de produción fotográfica e 1 persoa directora do obradoiro. Serán un total de 19 empregos os que se crearán durante 6 meses”.

Aquelas persoas que estean interesadas deberán pasar pola Oficina de Emprego de Ribadeo a apuntarse.