Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

Os traballadores de Alcoa mobilízanse e a ministra recíbeos en Madrid este luns

Por 15 Setembro, 2019Outubro 2nd, 2019Sin comentarios

Os traballadores de Alcoa comezaron as mobilizacións pola defensa dos seus traballos. Houbo unha protesta, que se desenvolveu o venres no Castelo de 14.00 a 14.30 horas, e que chega cando a continuidade da empresa sofre a maior ameaza en 40 anos de historia e é a primeira das previstas nos vindeiros meses para denunciar que ausencia do Goberno central e a probábel repetición das eleccións “alonga no tempo a agonía e achéganos moito máis á posibilidade de que Alcoa dea o seguinte paso na súa estratexia de ou lograr un prezo competitivo na enerxía ou pechar todas as súas instalacións do Estado”, matizaron dende a CiG.

Neste senso, o presidente do comité de empresa, Xosé Paleo, da CIG, asegurou que non se pode permitir que o Goberno central permita o peche dunha fábrica competitiva como a de San Cibrao “por non ter un prezo para a enerxía que nos permita competir con Francia ou Alemaña” e tendo en conta que o sector do aluminio “é un sector con moito futuro”.

XUNTANZA O LUNS EN MADRID. Amosouse convencido que coa mobilización “lograremos que a fábrica continúe funcionando e defenderemos os nosos empregos”, ao tempo que chamou ao conxunto do persoal de Alcoa a participar nas protestas “porque hoxe é o primeiro paso, pero queda moito camiño por percorrer” nunha loita que, segundo avanzou, “xa está a dar os seus froitos”. De feito, o comité de empresa foi convocado a unha xuntanza coa ministra de Enerxía que terá lugar o luns en Madrid.

Pola súa banda, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que tamén participou na concentración, cargou tanto contra o Goberno central como contra a Xunta de Galiza. “É impresentábel que o Executivo de Pedro Sánchez siga a atrasar a solución ao prezo da enerxía coa escusa de que se atopa en funcións a pesar do grave risco da perda de emprego”. Neste senso, denunciou que siga sen aprobar o estatuto para a industria electrointensiva”.

Tamén criticou que o Goberno de Feijóo permita que o noso país sexa a zona máis castigada pola crise da industria electrointensiva “a pesar de que somos un dos principais produtores de enerxía do Estado español” e demandou unha actuación decidida en defensa do sector que garanta a continuidade dos empregos.

Ao mesmo tempo, instou á dirección de Alcoa a “levantar a espada de Damocles que ten sobre as cabezas dos empregados/as como consecuencia da incerteza sobre a continuidade dos seus postos de traballo” e reclámalle que retome canto antes a actividade en todo o complexo industrial.

MÁIS PROTESTAS. A concentración terá continuidade no mesmo lugar e horario en principio todos os venres deste mes de setembro.

Tamén realizarán unha marcha en Lugo até a Subdelegación do Goberno para entregar un escrito solicitando unha xuntanza coa ministra de Transición Ecolóxica, ao tempo que se convocarán unha manifestación central na Mariña e unha concentración en Madrid coincidindo cunha data sinalada (pleno de investidura do Goberno, primeiro Consello de Ministros/as…).

Paralelamente, levarán a cabo distintas xestións en busca de apoio institucional ás súas reivindicacións e ás mobilizacións, comezando pola presentación dunha moción na Deputación Provincial de Lugo reclamando das institucións a urxencia dunha solución para a industria do aluminio. A intención dos traballadores/as é acudir ao pleno o día no que se vaia debater a moción.

Ao mesmo tempo, convocarán os alcaldes e as corporacións municipais da Mariña para demandarlles o seu apoio e colaboración nas protestas e entregarlles mocións solicitando unha solución por parte do Goberno.

Con todo, dende o comité de empresa queren deixar moi claro que non se trata dun calendario pechado, xa que se irá modificando ou ampliando en función dos acontecementos, e instan ao conxunto dos traballadores/as de Alcoa San Cibrao “a defender na rúa os nosos postos de traballo”.