Skip to main content
ActualidadeCervoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Cervo prepara unha ordenanza sobre condutas medioambientais

Por 16 Setembro, 2019Outubro 2nd, 2019Sin comentarios

O Concello de Cervo, a través das delegacións de Medio Ambiente e Ecoloxía, está a redactar estes días unha Ordenanza Medioambiental na que se recollerán directrices de conduta que permiten o desenvolvemento da liberdade de cada un dos cidadáns, e que redundan na mellora da convivencia nos espazos públicos, como lugares pensados para o desfrute de toda a veciñanza.

Tal e como explicou o rexedor, Alfonso Villares, “a normativa incluirá pautas de comportamento nas que se incide na preservación do patrimonio urbano e natural, establecendo un límite básico e esencial polo respecto polos demais para garantir unha convivencia en harmonía”.

Villares precisou que nesta Ordenanza regularanse cuestión básicas de convivencia como pode ser a limpeza das vías e espazos de dominio e uso público no termo municipal; a tenza de animais domésticos, ou a protección dos camiños, edificios e mobiliario público, sancionando, cando proceda, os comportamentos considerados incívicos.

Neste senso, o rexedor recordou que a Policía Local será a encargada das labores de vixilancia e control do cumprimento desta Ordenanza, tendo en conta de que estamos a día de hoxe en trámites coa Subdelegación de Goberno para cederlles, en exclusividade, as competencias de tráfico á Garda Civil.

A modo de exemplo, Villares precisou que quen estea á fronte de calquera quiosco, tenda, ou local de hostalería, deberá responsabilizarse de manter limpo o espazo público que teña ocupado e de retirar calquera residuo derivado da súa actividade, como cristais ou calquera tipo de envases. Así mesmo acontece no caso dos mercadiños, as persoas que ostenten un negocio estarán obrigadas a deixar o espazo que ocupen nas mesmas condicións que o atoparon.

Outro dos aspectos que se regularán nesta nova Ordenanza, será, como se dixo, a protección dos camiños, edificios e mobiliario público; neste apartado a edil de Ecoloxía, Denise Galán, cita como exemplo “a prohibición da realización de todo tipo de pintadas na vía pública; tanto sobre beirarrúas, calzadas ou mobiliario urbano, como sobre os muros e fachadas dos edificios”, a excepción das pintadas ou murais artísticos autorizados polo Concello.

Pola súa banda, a edil de Medio Ambiente e Policía Local, Mali Méndez, explicou que con respecto á tenza de animais domésticos, incidirase especialmente no seu respecto, salvagardando os seus dereitos -remitíndonos á nova Lei de Protección e Benestar de Animais de Compañía, que entrou en vigor recentemente en Galicia, en xaneiro do 2018 “e que vai en consonancia coa evolución da sensibilidade social”.

Pero a maiores -engadiu- fixaremos certas obrigas para os propietarios que terán que coidar que se depositen as súas dexeccións nos lugares apropiados. O dono será, así mesmo, o responsable do seu comportamento, de acordo coa normativa aplicable, tendo en conta, especialmente, as razas consideradas perigosas.

Estas son algunhas das cuestión que se están a perfilar nos diferentes encontros de traballo mantidos nestes meses entre o rexedor, as edís responsables e a Policía Local “co obxectivo de poder aprobar unha Ordenanza que cremos que será moi positiva para o conxunto da cidadanía”.