Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAViveiroZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Os nacionalistas de Viveiro sacan adiante unha moción contra contaminación acústica

Por 16 Setembro, 2019Sin comentarios

A moción presentada polo BNG neste último pleno para elaborar unha Ordenanza de Protección Contra a Contaminación Acústica, na que se limiten as actividades xeradoras de ruído nocturno e se declaren as rúas máis conflitivas do casco como zona acústicamente saturada, foi aprobada despois de acordarse en pleno a votación por separado de cada un dos puntos da mesma, xa que algún dos grupos da corporación municipal discrepaban nalgúns deles, aínda que no resultante foron aprobados os 7 puntos da moción, onde a abstención é aclaratoria e determinante para algún partidos políticos, en especial, o do goberno municipal.

A aprobación desta moción permitirá elaborar unha nova ordenanza onde o goberno municipal teña que actuar e deixar de escudarse nunha normativa municipal desactualizada, como é a Ordenanza Municipal de Policía e Bo Goberno do ano 1996, xa que é obriga do concello velar en todo momento tanto pola saúde da súa veciñanza como pola do medio ambiente así como pola protección dos espazos públicos, debendo prevalecer isto fronte a aquelas actividades que están a xerar un problema de contaminación acústica nas zonas residenciais, provocando un efecto negativo ao descanso e a calidade de vida das persoas nelas residentes.

Respecto da elaboración dunha Ordenanza de Protección Contra a Contaminación Acústica en Viveiro, na que se limiten as actividades xeradoras de ruído nocturno e se declaren as rúas máis conflitivas do casco histórico zona acústicamente saturada, así como intervir para mellorar a calidade acústica medioambiental nas mesmas, votaron a favor BNG, PP, PSOE, Por Viveiro e abstívose Son Viveiro.

En canto á idea de promover e facilitar a apertura de negocios que desenvolvan actividades comerciais e económicas compatíbeis coa habitabilidade do casco, BNG e PP votaron a favor, mentres que PSOE, Por Viveiro e Son Viveiro se abstiveron.
Outras das medidas que incluía a moción eran a de dotar a Viveiro de espazos culturais que garantan que a veciñanza de todas as idades poda disfrutar da música nos locais adaptados para tal uso. Tamén suxerion habilitar espazos públicos, coa protección e vixiancia necesaria, para as xuntanzas de esparcemento da mocidade, ademáis de poñer en marcha campañas de concienciación da mocidade do uso responsábel dos espazos públicos.

A moción incluía a publicación na páxina web do concello da listaxe de locais de hostalería autorizadas e tipos de licencias concedidas (bar, cafetería, café, restaurante, café-bar especial, pub…) para darlle máxima transparencia das licencias outorgadas aos locais de ocio nocturno.