Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

Varios mariñáns acadan trunfos na primeira xornada da liga de billarda que continúa o 28 na Pontenova

Por 18 Setembro, 2019Sin comentarios

Previo a primeira xornada de Liga Nacional de Bilarda NorLeste 2019.2020, en Remourelle tivemos un acto de recordo a dous bravos palanadores. Un puñado de amigos e familiares nos demos cita para homenaxear a Calvete e a Jorge Galdo. Un minuto de silencio cos paláns guindados no chan e unhas cantas carreiras en lembranza destes compañeiros que sempre estarán con nos, matizaron os xogadores.

Comezou a liga regular o domingo 15 de setembro, no campo de fútbol de Castroverde, coa novidade de facer o aberto pola mañá.

Son oito equipos que compiten esta tempada, aos xa veteráns Billarda Verde de Castroverde, os que se xunguen os superviventes de Polka Miseria (que desaparece), Billardeiros Musicais de Ribadeo, Carabullo de Ponte de Outeiro, Chainzos-Cadaval de Castro de Rei, Remourelle Bulls de Remourelle, e Troitas Bravas da Pontenova, reengánchase os lucenses Madia Leva e os debutantes Castiñeiro Milenario de Begonte.

Na primeira xornada sempre hai baixas, malia iso, a afluencia foi masiva con sesenta e un palanadores da conferencia nai e dez das outras dúas conferencias (tres das Rías Baixas e sete da NorOeste) e unha quincena de debutantes neste xogo-deporte no que paseniño vai agromando tamén a presencia de cativos.

O sempre difícil campo de fútbol de Castroverde, fixo que as puntuacións non foran todo o xenerosas que se agardaban, só chegaron ou superaron os vinte puntos sete xogadores entre eles Albino de Carabullo, que tivo que desempatar con Sachas para proclamarse campión do aberto por segundo ano consecutivo. O Troita Brava foi segundo e Juan Carlos de Campo da Feira de Paiosaco foi terceiro.

Por equipos, os mesmos tres do ano pasado repiten podio pero con cambio de líder. Este ano foi Troitas Bravas quen gañou con 72 puntos, segundo posto para Chainzos-Cadaval con 70 puntos e terceiros Billardeiros Musicais con 68 puntos.

En donas, a tricampioa nacional Geni (16 puntos) sigue co seu absoluto dominio aínda que Sara (15 puntos) comeza moi forte esta tempada e ten gañas de se consolidar como firme candidata o trunfo final. Terceira foi a campioa do NorOeste Merche (14 puntos), do equipo APB Santa Marta.

Iván Alonso en representación de A.C. “Chave das Noces”, fixo entrega dos agasallos aos gañadores rematando a xornada mañanceira cuns tirando para casa e outros para a carballeira a dar conta do pulpo a feira.

As clasificacións logo desta primeira xornada quedan así:

Na modalidade individual:  Albino (Carabullo) 22 puntos, Sachas (Troi. Bravas) 22, Juan Carlos (C. Feira) 21 e Cortón(Cha.), Markytos (B.Music.), Trade(B.Verde), Regueiro(Tro.), 20 puntos.                                                

Entre as donas: Geni (Billardieors Musicais) fixo 16 puntos, Sara (Billarda Verde) 15 puntos e Merche (APB Sta.Marta) 14 puntos.

Por equipos, Troitas Bravas (A Pontenova) acadaron 72 puntos, Chainzos-Cadaval (Castro de Rei) 70 e os Billardeiros Musicais (Ribadeo) 68 puntos.

O vindeiro sábado 21 será o Festival Son Labrego en Montecubeiro con aberto de billarda incluido e xa o seguinte día 28, a segunda xornada de liga regular en A Pontenova.