Skip to main content
ActualidadeBurelaSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Os xogadores do Burela empezaron a Liga contra o Santa Coloma

Por 19 Setembro, 2019Sin comentarios

O Pescados Rubén Burela estreou a liga e no seu regreso á elite, pechou unha Tarde Laranxa; os pupilos de Juanma Marrube recibiron na primeira xornada ao Industrias Santa Coloma, que arrinca na competición regular co grande aliciente do título de Copa Catalunya, arrebatado a nin máis nin menos que FC Barcelona (4-3). Os bureles marcaron un 1 fronte aos 3 do contrario.

O Pescados Rubén Burela FS pechou a Tarde Laranxa cun partido moi esixente no regreso á máxima categoría de LNFS. Os pupilos de Juanma Marrube demostraron actitude e ganas ante un Industrias Santa Coloma (1-3) que deu un paso adiante na segunda parte para levar os tres puntos, coa motivación extra do recente título de Copa Catalunya.

Cardona puxo a proba a Edu nos primeiros compases e antes de cumprirse o segundo minuto volveu chegar o 12 catalán para sentenciar de disparo fulminante desde a esquina da área, nun erro de elaboración local. Respondeu a escuadra local con moito perigo, antes do 5, dispuxeron de dous de ouro. A Lucho fóiselle por pouco o empate, en rexeite, a tentativa de Álex Diz; segundos despois o pau evitou o disparo de Amoedo, desde saque de banda. Renato volveu levantar á Bancada Laranxa cun mísil que chocou en Feixas. Buscábano os de Juanma Marrube; Álex Diz volveu intentalo con incursión na área, topándose de novo co meta catalán, antes do ecuador do primeiro acto. A maxia de Matamoros sumouse; o 10 merodeou a rede no 16, por partida dobre. O regreso a Primeira prometía emoción e espectáculo e Edu non defraudou con dúas aparicións providenciais no 17, para manter o electrónico sen moverse. Por fin chegou o empate, cunha galopada de Juanfran, que tan só tivo que empuxar Luisma na recta final; Matamoros e Amoedo dispuxeron de dous vibrantes antes do descanso.

Cun regreso moi igualado o Santa Coloma recuperou a vantaxe no luminoso, no 23, con Sebas Corso, en segundo rexeite. Así os de Óscar Redondo gañaron en tranquilidade e xogo malia as ocasións burelistas, con certa falta de frescura debido á esixencia da primeira parte. Tívoa acto seguido Joselito nun disparo afastado. Edu freou a Cardona e as revolucións foron en aumento. A quenda foi para os locais; Álex Diz chocou con Feixas de novo. Perdoaron os da Mariña e Santa Coloma ampliou distancias no 34, co ex-laranxa Bruno Petry. Matamoros enfundouse a camiseta de porteiro xogador con 3’30” por diante, sen fortuna. Sobre a bucina, o pau evitou o segundo de Mata.

ANTES DO PARTIDO. “É un inicio moi ilusionante. Logo de dous anos en Segunda, poder gozar de novo da que sempre pensamos que é a nosa categoría. Atopámonos con moitas ganas e esperamos empezar con bo pé, ademais na casa, cos tres puntos”, recoñecía un dos estandartes da filosofía burelista, o pívot Jorge Matamoros.

Os mariñáns reestreáronse en Primeira precisamente fronte a toda unha referencia da LNFS, ante un rival co que Mata debutou de laranxa en Vista Alegre anotando un hattrick, hai xa seis anos: “É un equipo que historicamente sempre compite ben, é un equipo dun para un, con xogadores sempre de calidade, que ademais se reforzou ben, con xente nova”, encomiaba así o 10 as virtudes de Santa Coloma, vendo “un partido vistoso porque Santa Coloma xoga e deixa xogar”.

“Estamos puíndo os fallos defensivos, as perdas nos primeiros metros, e traballando a táctica e a finalización”, explicaba Matamoros dos últimos detalles tras case oito semanas de pretempoda e desexando que comece a festa do fútbol sala: “É unha estrea moi bonita tamén para a afección cos dous equipos na casa, ademais do recente título de Supercopa de España Feminina”, apuntaba o madrileño, facendo referencia ao comezo do conxunto de Julio Delgado en Primeira RFEF.

“Será un ano moi difícil e esixente. A clave estará en mentalidade, ganas e ilusión. Gústame facer goles, pero o importante será a vitoria. Eu vou estar para o que me diga Juanma achegando o meu grao de area” concluía Mata, no comezo do seu periplo na oitava tempada na Mariña.

Juanma Marrube contou con todos os seus efectivos, a excepción de Pitero, que continúa co proceso de recuperación da súa pubalxia.