Skip to main content
ActualidadeMondoñedoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Mondoñedo convoca un novo premio literario de ensaio

Por 20 Setembro, 2019Setembro 26th, 2019Sin comentarios

A Asociación As San Lucas en colaboración co Colectivo ‘Mondoñedo É …’ e o Concello de Mondoñedo convocan a cuarta edición do galardón denominado Premio Mondoñedo10 co obxectivo de establecer vínculos permanentes entre a cidade e o concello que lles dá nome coas mellores obras de creación cultural producidas en Galicia e en galego nos últimos dez anos.

O prestixio decantado ao longo dos séculos por institucións e persoeiros de ascendencia ou residencia mindoniense, así como a recoñecida achega destes á cultura galega en xeral, xustifican a creación destes recoñecementos que se entregarán anualmente co fin de contribuír a salvagardar para a memoria do presente e do futuro da lingua e da cultura galegas aquelas obras que a xuízo do xurado correspondente merezan este recoñecemento. 

MODALIDADES. Establécense dez modalidades que se sucederán ano a ano, convocándose sucesivamente consonte ao seguinte calendario: obras premiadas en primeira edición, ano 2016: Mellor obra de narrativa en galego, publicada entre os anos 2006 e 2015: Os libros arden mal, da autoría de Manuel Rivas, publicada por Edicións Xerais de Galicia, colección Narrativa, 2016.

Segunda edición, ano 2017: Mellor obra de poesía en galego, publicada entre os anos 2007 e 2016: Hordas de escritura da autoría de Chus Pato, publicada por Edicións Xerais de Galicia, 2008. Terceira edición, ano 2018: Mellor obra de teatro en galego, estreada ou publicada entre os anos 2008 e 2017: Nome: Bonita, de Vanesa Sotelo

EN PRÓXIMAS CONVOCATORIAS. De cuarta edición, ano 2019: Mellor obra de Ensaio en galego, publicada entre os anos 2009 e 2018. Quinta edición, ano 2020: Mellor obra de Música de autor/a galego/a estreada ou publicada entre os anos 2010 e 2019. Sexta edición, ano 2021: Mellor obra Plástica de autor/a galego/a, executada ou publicada entre os anos 2011 e 2020. Sétima edición, ano 2022: Mellor obra de Artes Visuais de autor/a galego/a, exe- cutada ou publicada entre os anos 2012 e 2021. Oitava edición, ano 2023: Mellor obra de Tradución doutra lingua ao galego, publicada entre os anos 2013 e 2022.

Novena edición, ano 2024: Mellor obra de Xornalismo Cultural en galego, publicada ou desenvolvida en calquera medio entre os anos 2014 e 2023. E décima edición, ano 2025: Mellor Persoa, Proxecto, Colectivo ou Institución do eido cultural galego entre os anos 2015 e 2024.

A entrega do premio correspondente a cada convocatoria realizarase en acto solemne coincidindo coas Feiras e Festas das San Lucas.

PREMIO. O premio, que se entregará ao/á autor/a da obra seleccionada, ou, en caso de falecemento ou outra causa, a un representante designado polos herdeiros ou titulares dos dereitos da obra premiada, consistirá na entrega dun diploma acreditativo e dunha obra artística orixinal e única de autor/a de prestixio recoñecido. 

BASES. Na edición correspondente a este ano 2019, o Premio Mondoñedo10 concederase na modalidade de ensaio á mellor obra escrita orixinalmente en galego e cuxa primeira edición fose publicada en calquera soporte nos 10 anos anteriores ao desta convocatoria; ou sexa, entre 2009 e 2018, ambos inclusive.

Só serán obxecto da deliberación final os títulos que en prazo e forma decidan os membros do xurado e que só terán opción de propoñer en cada caso un máximo de dúas obras.

Terán a consideración de finalistas (relación que se fará pública nas xornadas previas ao fallo) aquelas obras que figuren nas propostas remitidas por escrito por cada membro do xurado ao presidente ou secretario do mesmo no prazo e forma que se estableza oportunamente.

Será proclamada gañadora a obra que despois das sucesivas roldas de votación, excluíndo a cada volta a que obteña menos votos, aquela que reciba a maioría de votos. Nin o presidente do xurado, como membro permanente do mesmo, nin o secretario poderán propoñer nin votar obras. Calquera cuestión relacionada ou non prevista nestas bases será resolta polo presidente e polo secretario do xurado previa consulta aos membros do mesmo; a súa decisión será inapelable.

O xurado reunirase en Mondoñedo o 13 de outubro de 2019 en hora e lugar a fixar pola organización. Unha vez producido o fallo, o seu presidente comunicaralle á persoa ou persoas premiadas a decisión así como a hora e lugar onde se realizará o acto público de entrega deste premio. No caso de darse a circunstancia de que algunha persoa designada como membro do xurado resultase ser tamén autor/a dunha obra proposta como finalista deste premio, esa persoa pode escoller entre estas tres opcións: 

Ou comunicar por escrito ao presidente do xurado a renuncia a que a obra da súa autoría forma parte das deliberacións finais. Ou comunicar por escrito ao presidente do xurado que renuncia a formar parte do mesmo. Neste caso, rogaráselle á institución ou asociación que o designou o nomeamento doutra persoa. E, de non expresar ningunha destas renuncias por escrito, a obra quedará automaticamente excluída das deliberacións finais.

Terán a consideración de membros do xurado para a edición correspondente ao ano 2019, ademais do presidente e do secretario, as persoas designadas polas institucións e colectivos seguintes: 

COMPOSICIÓN DO XURADO. O presidente será Antonio Reigosa, cronista oficial de Mondoñedo. O vogal: o presidente/a, ou persoa en quen delegue, en representación do Consello da Cultura Galega, ademáis doutro vogal que será o presidente/a, ou persoa en quen delegue, en representación da Real Academia Galega. Outro vogal que será presidente/a, ou persoa en quen delegue, en representación da Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG).

Outro vogal que será presidente/a, ou persoa en quen delegue, en representación da Asociación Galega de Editoras. Outro en representación do Instituto Galego de Historia. Outro que será o decano ou persoa en quen delegue, en representación da Facultade de Humanidades do Campus USC-Lugo. E outro vogal que será a Alcalde/sa , ou persoa en quen delegue, do concello de Mondoñedo. O secretario/a, Fran Bouso, designado pola asociación convocadora deste premio.