Skip to main content
ActualidadeSecciones TerraCháXAZonas LUGOXA

Camiño Escena Teatro trae á Mariña varias funcións

Por 21 Setembro, 2019Sin comentarios

O proxecto Camiño Escena Norte, promovido polas asociacións de produtoras escénicas de Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi, chega a Lugo da man da Vicepresidencia da Deputación. A vicepresidenta, Maite Ferreiro, e o coordinador da iniciativa, Diego V. Meizoso, presentaron o ciclo lucense do proxecto, que trae á provincia catro representacións.

A compañía asturiana Teatro del Cuervo representará a obra Bojiganga en  Ribadeo, o domingo 22 de setembro, e en Mondoñedo, o sábado 28 de setembro. O 3 de outubro o grupo tamén asturiano La Tejedora de Sueños porá en escena Como ceniza blanca sobre una hoguera, en Lugo. A axenda na provincia complétase coa representación de A viaxe de Ulises / Ulisesen bidaia, da compañía Teatro Gorakada o 5 de outubro en Vilalba.

Maite Ferreiro sinalou que “desde as admnistracións temos que estar ao lado destes proxectos que nos permiten ver traballo feitos noutras comunidades  pero tamén facilitan que neses territorios se poida visibilizar a cultura feita no propio país”.

Neste senso, Diego Meizoso apuntou que “o proxecto atopa o seu sentido na diversidade cultural e lingüística dos territorios que percorre o Camiño de Santiago” e detallou que “as compañías galegas representarán as súas obras en versións bilingues, con partes en galego”.

Camiño Escena Norte é unha iniciativa impulsada polas asociacións de produtoras escénicas Escena Galega, EscenAsturias, ACEPAE (Cantabria) e Eskena (Euskadi), artellada arredor do intercambio cultural que xenera o Camiño de Santiago do Norte. 

O proxecto facilita ao público o acceso a producións escénicas doutros territorios, mostrando a diversidade cultural, lingüística e de formatos e linguaxes escénicas da produción galega, asturiana, cántabra e vasca. 

Así, ademais de traer varios espectáculos doutras comunidades a territorio galego, levará obras de dúas compañías do país, Baobab Teatro e A Panadaría, polo norte peninsular.

Bojiganga, de Sergio Gayol. Teatro del Cuervo (Asturias), a partir de 12 anos. É unha compañía do século XXI trata de manter viva esa chama do teatro que parece non importar a ninguén máis. É dende esta realidade dende onde xorde a idea de volver aos clásicos do Século de Ouro español, coa intención de tender unha ponte de unión entre o público daquela e o actual, de recuperar a mensaxe esencial que conecta aos seres humanos máis aló de toda época e lugar. A nosa buxiganga percorrerá o camiño representando o entremés de Cervantes “El retablo de las maravillas” sobre un escenario improvisado á maneira do século XVI. 

Será o público o que asuma o papel do pobo, participando da historia dunha forma activa. 

O 22 de setembro estará no auditorio Hernán Naval de Ribadeo ás 22 horas e haberá un obradoiro ás 18.30. O 28 de setembro estarán na praza da Catedral de Mondoñedo, ás 20 con posterior debate.