Cervo acolleu unha demostración pública de integración de drons no espazo aéreo

O Concello de Cervo protagonizou a primeira demostración pública de integración de drons no espazo aéreo español. Deste xeito, o Polígono de Cuíña, onde o Concello habilitou un espazo adaptado ao manexo de drons, foi testemuña, da man do Instituto Tecnolóxico de Galicia, deste exercicio con vó real, que se desenvolveu de xeito paralelo tamén na localidade xienense de Villacarrillo – os dous únicos escenarios destas probas dentro do territorio Español-. 

A demostración foi concibida co obxectivo de testar a convivencia segura, ordenada e eficiente de aeronaves non tripuladas co resto de actores que comparten o uso do espazo aéreo, como a aviación comercial e xeral.

As probas contemplaron escenarios diversos, como o uso de aeronaves non tripuladas para o envío de paquetería ou a súa utilización nunha emerxencia por incendio.

O rexedor, Alfonso Villares, subliñou “a aposta que está a facer este equipo de Goberno que nos permite agora situar a Cervo no mapa da vangarda tecnolóxica” e destacou “a importancia que poden ter para o noso municipio este tipo de ensaios, que establecen ao noso Concello como punto estratéxico de referencia para un sector en potencial crecemento, como é o mundo do drons”.

Nesta liña, precisou que a Comisión Europea estima que en 2020 sucarán os ceos 100.000 drons e en 2050 operarán xa medio millón de unidades. Calculan, ademais, que as actividades vencelladas ás aeronaves non tripuladas xerarán 100.000 novos empregos e acadarán unha cifra de negocio de 10.000 millóns de euros ao ano.

O rexedor avanzou que en vindeiras datas o Concello de Cervo asinará un convenio específico co Instituto Tecnolóxico de Galicia, ITG, que permitirá reforzar aínda máis esa firme aposta polo I+D+I, en concreto, neste caso, polo sector dos drons.

No ámbito dos UAS, ITG foi pioneiro entre os centros de investigación galegos, ao ser o primeiro centro tecnolóxico en Galicia recoñecido pola AESA como operador nacional de UAVs con control remoto (RPAs). 

Cabe destacar a I+D+i que ITG desenvolve no marco de Fastfly, a Unidade Mixta de Investigación (UMI) que leva a cabo da man de SDLE, centrada en dotar aos drons de maior autonomía respecto á ofrecida polas solucións comerciais actuais o que permite voar ao aparello en escenarios civís onde as distancias son maiores e onde as operacións son máis complexas e/ou repetitivas.

Etiquetas