Primeira proba do Burela contra o Osasuna Magna

Os pupilos de Juanma Marrube tiveron a súa primeira proba na elite na sempre complicada pista de CA Osasuna Magna, onde os navarros gañaron por 3-1. Foi o partido correspondente á xornada 2 de Primeira LNFS disputado en Anaitasuna.


Os pupilos de Juanma Marrube non puideron puntuar en Anaitasuna. A orde e a concentración do Pescados Rubén Burela FS sucumbiron á determinación a balón parado do CA Osasuna Magna (3-1), nunha segunda xornada na que para navarros e galegos o gol foi sinónimo de estratexia.

Juninho adiantou os locais no minuto 6, logo de dúas tentativas infrutuosas ante Edu, de Rafa Usín e do propio brasileiro. No 13 avisou con moito perigo Renato en contragolpe e chegou o empate no 15; a maxia do 10 laranxa igualou a contenda, de falta directa por toda a escuadra. A falta de tres para o descanso, Álex Diz enfundouse na camiseta de porteiro xogador e os locais reaccionaron do mesmo xeito nos últimos pasos da primeira parte, sen cambios no marcador.

Roberto Martil, ao pau, e Mata, fronte a Asier, protagonizaron os primeiros compases do reinicio, gañando perigo, aínda que non acerto, os mariñáns. Tras saque de esquina, Mancuso devolveu a iniciativa dos locais, tras o descanso, no ecuador da segunda parte. Lucho, Juanfran e Renato dispuxeron de boas ocasións para devolver as táboas, pero foi de novo Mancuso o que atopou portería, a balón parado, para o 3-1, a falta de case catro minutos para o final. Matamoros liderou o xogo de cinco con dous aínda por diante, sen tempo para máis.

“Vai ser un partido moi duro. Nós temos que ir con moitas ganas e ilusión, como xogamos fronte a Santa Coloma, coa mesma intensidade, seguir puíndo o que estamos traballando durante a semana e así as cousas ir mellorando pouco a pouco,” advertía Álex Diz, coñecedor do rival tras o seu paso polo conxunto a tempada pasada, antes do encontro.

Ambas as escuadras chegaron á cita na busca dos primeiros puntos. Os burelaos non puideron estrear a cuadrícula ante Santa Coloma (1-3), igual que os navarros, que sucumbiron ante o novel Córdoba Patrimonio (1-0): “O bloque importante de xogadores é o mesmo. É un equipo moi intenso e con moita mobilidade, ademais de ser fortísimo na súa casa”, explicaba o novo 22 laranxa.

Segundo informou o Osasuna, Llamas non entrou na convocatoria por lesión sufrida na primeira xornada e entraron os xuvenís Ion Cerviño e Íñigo Fernández.

KALUZA. O meta burelista defenderá nunha ocasión máis a Selección de Polonia; concentrarase co combinado do seu país entre o 22 e o 26 de setembro para participar no Futsal Visegrad Tournament fronte a Eslovaquia, Hungría e República Checa, en Krosno. 

Etiquetas