A ampliación da Edar de Viveiro recibe unha partida de catro millóns de euros

O Partido Popular quixo poñer en valor que a Xunta cumpre o seu compromiso con Viveiro coa achega de 4 millóns de euros para a ampliación e mellora da estación depuradora. Os populares agradecen á conselleira de infraestruturas, Ethel Vázquez, que dera prioridade a esta actuación axilizando todos os pasos ao máximo, ata punto de licitar a obra tan só oito días despois de que o Consello da Xunta autorizase este gasto, un paso que tamén tivo lugar un só día despois de recibir a documentación municipal que estaba pendente.

“Desde a Xunta deron a súa palabra á veciñanza de Viveiro e os feitos amosan que están cumprindo co prometido, e ademais dando cada paso coa máxima axilidade posible para que as obras poidan estar en marcha canto antes”, afirman.

Os populares destacan tamén a disposición da Xunta para completar a obra da depuradora coa de substitución do novo emisario e nese senso esperan que os esforzos que está a facer a administración autonómica para colaborar coa mellora do saneamento, unha competencia municipal, teña o seu reflexo cun idéntico compromiso de axilidade por parte do Concello e do departamento Estatal de Costas que deben informar o proxecto do emisario.

Por outra banda os populares lamentan que desde o BNG pretenderan, co gallo da visita da eurodeputada Ana Miranda, restar valor e sementar dúbidas respecto dos compromisos da Xunta co saneamento da ría de Viveiro e neste senso aproveitan para desmentir varios argumentos defendidos polos nacionalistas contra os pasos dados pola Xunta.

Os populares confirman que o Goberno galego abriu o pasado venres o prazo de contratación das obras para a ampliación e mellora da estación depuradora, para as que xa se poden presentar ofertas (ata o 24 de outubro), tras a publicación da licitación no portal de Contratos de Galicia. 

Os populares aclaran que a recente reforma da normativa xa non obriga a publicar esta licitación no DOG pero si nesta plataforma de contratación, que ten plenos efectos xurídicos. O enlace á licitación está accesible na web da Xunta. Para o PP resulta curioso que una eurodeputada descoñeza deste xeito o procedemento administrativo ou, se non o fai, intente enganar aos veciños sementando falsas dúbidas ao respecto. 

Os populares tamén aclaran que a visita da conselleira Ethel Vázquez na que avanzou en rolda de prensa a licitación do contrato da EDAR, veu precedida dunha reunión coa plataforma veciñal, na que por expreso desexo deste colectivo, non estaban convocados partidos políticos, nin outras institucións. “Era unha reunión para veciños e non para políticos, polo tanto non hai razón para entender que exista falta de respecto institucional, ao contrario, a conselleira rende contas ante a veciñanza coa que se comprometeron a dar este paso”.

Etiquetas