Skip to main content
ActualidadeRibadeoSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

Ribadeo proporá no pleno de hoxe a declaración de Ben de Interese Cultural para o galeón afundido

Por 24 Setembro, 2019Setembro 26th, 2019Sin comentarios

Este martes, 24 de setembro, terá lugar un pleno ordinario no Concello de Ribadeo. Na sesión abordaranse cuestións como o III Plan de Igualdade entre Homes e Mulleres, a solicitude á Xunta para que declare BIC (Ben de Interese Cultural) ao galeón afundido na ría no ano 1597 e tamén a conta xeral de 2018.

O alcalde, Fernando Suárez, referiuse “a algúns dos puntos importantes que irán a debate e a aprobación no pleno ordinario. O primeiro deles será a proposta do terceiro Plan de Igualdade entre Homes e Mulleres do Concello de Ribadeo para o período 2019-2022. Precisamente nestes momentos é cando as administracións públicas, no ámbito das nosas competencias, debemos facer todo o posible para lograr unha igualdade real entre homes e mulleres, de aí este terceiro plan que vamos aprobar”.

O rexedor explicou que “seguidamente levaremos unha proposta de declaración de Ben de Interese Cultural para o galeón de Ribadeo, o San Giacomo di Galizia, que está afundido desde o ano 1597 no fondo da ría de Ribadeo, que por casualidade nuns traballos de extracción de lodos foi descuberto hai moi poucos anos, pero segundo os estudos que se levan realizando nestes últimos tempos hai unha información arqueolóxica de primeira magnitude e relevancia internacional. O organismo que ten a competencia para declarar Ben de Interese Cultural é a Xunta de Galicia, polo tanto desde a Corporación Municipal de Ribadeo queremos institucionalmente convidalos a que inicien os trámites para a declaración como BIC para a súa protección, a súa prospección, o seu estudo e o que se determine por parte dos técnicos cualificados: arqueólogos, historiadores, etcétera. Isto non vai contra ninguén, só pretende protexer, valorar e difundir ese patrimonio importantísimo que temos mergullado na ría de Ribadeo”.

Suárez Barcia engadiu que “outro dos puntos é a aprobación da conta xeral do exercicio do ano 2018. É un documento puramente técnico que recolle a contabilidade anual do Concello e que debe ser aprobado cada ano para remitir ao Tribunal de Contas e ao Consello de Contas. Un compoñente fundamental nesta conta é o estado de liquidación do orzamento, do que se deduce, segundo a liña dos últimos anos, unha boa saúde económica do Concello nestes termos económico financeiros. O porcentaxe de débeda bancaria e comercial é bastante baixo, cun remanente de tesourería importante e cun aforro neto positivo que non nos dá para tirar foguetes pero si para seguir facendo actuacións dignas que melloren a vida dos nosos paisanos e das nosas paisanas tanto na vila como nas parroquias”.

A sesión plenaria dará comezo ás 20:30 horas.