Skip to main content
A PontenovaActualidadeSecciones TerraCháXAZonas AMARIÑAXAZonas LUGOXA

O IES da Pontenova incorpórase a un plan de mellora de bibliotecas

Por 25 Setembro, 2019Sin comentarios

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publicou o martes 24 no Diario Oficial de Galicia a resolución da convocatoria do plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos non universitarios, para o curso 2019/20. Ao abeiro desta orde, incorpóranse ao programa un total de 28 centros públicos en toda Galicia e outórganse axudas aos restantes 652 centros que formaban xa parte do PLAMBE. Na provincia de Lugo incorpóranse ao programa tres centros, o CEIP Plurilingüe do Corgo (O Corgo), o IES Enrique Muruais (A Pontenova) e o CEIP Otero Pedrayo (Rábade).

Cunha dotación orzamentaria de 1.340.000 euros, a convocatoria ten como obxectivo o apoio aos novos centros que se sumen ao programa, así como a continuidade por parte dos centros que se foron incorporando nas anteriores convocatorias.

As axudas para as novas incorporacións estarán destinadas á actualización dos fondos documentais da biblioteca escolar, á renovación do mobiliario e outro equipamento necesario, así como para outros gastos de funcionamento. Á hora da selección dos centros, a Consellería dá preferencia, en igualdade de puntuación, a aqueles situados no ámbito rural.

No caso dos centros incorporados con anterioridade, os que o fixeran entre 2005 e 2010 poderán recibir asignacións para fondos; os que se integraran entre 2011 e 2013 recibirán asignacións para fondos e para mobiliario e outros equipamentos; os centros integrados entre 2014 e 2017 recibirán contías para fondos; e os incorporados en 2018 para fondos, mobiliario ou outros equipamentos, así como para gastos de funcionamento específicos da biblioteca.

O PLAMBE ten como obxectivo incentivar e impulsar o desenvolvemento de proxectos de biblioteca escolar que procuren a dinamización deste espazo como un centro de recursos de lectura, información e aprendizaxe, no que se incorporen espazos para a creación, a aprendizaxe manipulativa, a investigación, o traballo colaborativo e a construción do coñecemento de xeito compartido. Así mesmo, as bibliotecas integradas no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares deberán traballar no deseño e desenvolvemento de programas para a adquisición de competencias informacionais e mediáticas, así como integrar as novas tecnoloxías e o concepto de alfabetización múltiple (ou multialfabetismo) á hora de abordar a formación lectora do alumnado.

Por outra banda, este modelo de biblioteca debe ter tamén un enfoque inclusivo, contribuír á compensación das desigualdades sociais e á calidade do ensino que se imparte no centro e implicarse en actividades de extensión cultural destinadas a toda a comunidade escolar.

Esta convocatoria enmárcase na estratexia da Xunta de Galicia neste eido, o Plan LÍA de bibliotecas escolares para o período 2016-2020, que ten entre os seus obxectivos o de dotar os centros educativos de bibliotecas escolares útiles, estables, sustentables e acordes ás necesidades do século XXI.